Para as novas xeracións pode resultar estraño que a obra dunha muller do século XIX sexa motivo de recoñecemento ano tras ano e non só ao longo da xeografía galega, senón mesmo alén dela. A vixencia da súa obra e do seu pensamento non é, desde logo, exclusivo de Rosalía de Castro, mais ningunha outra galega atinxiu unha dimensión tan universal e actual, rebordando os límites exclusivamente artísticos.
“É difícil achar poeta do século XIX en calquera latitude que ofreza unha visión do mundo tan complexa e actual e unhas formas literarias tan aparentemente coloquiais, cheas de intensidade emocional e expresiva, e con información relevante sobre o que se quere comunicar desde unha posición inusitada para aquel tempo e para hoxe. Trátase dun traballo intelectual serio e vigoroso dunha poeta en verdade filosófica con aparencia moitas veces popular”. Así explica a vixencia da obra de Rosalía o catedrático Francisco Rodríguez, autor do primeiro grande estudo sobre a escritora, a Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro, publicado en 1988 –ampliado en 2011, como Rosalía de Castro. Estranxeira na súa patria– e que supuxo todo un punto de inflexión do que beberon outras obras. Partilla con el posicionamento Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, quen, en declaracións a este medio, sinala que “a súa figura estará sempre en vigor”. “Hai obras e personalidades que sempre nos falan e nos responden nas máis diversas encrucilladas políticas, sociais, culturais... Rosalía é unha delas. Ademais, é unha muller contemporánea, polo que a relación coa sociedade en que vivimos e co proxecto dunha Galiza ceibe é moi estreita”, salienta.
Para a profesora da UDC María Pilar García Negro, estudosa da figura de Rosalía, a actualidade da escritora explícase “na mesma medida en que están vixentes Shakespeare, Beethoven ou Victor Hugo: os clásicos non teñen data de caducidade e Rosalía pertence a esta categoría”. Nesa liña, subliña que “cumpre perfeitamente os requisitos que Italo Calvino apón aos clásicos da arte: nunca terminan de dicer o que teñen que dicer; non nos son indiferentes; valen non só para se definiren eles-elas e o seu tempo, senón para nos definirmos nós en relación con eles; obrigan a repensar o presente... Para nós, Rosalía debera ser moito máis do que un valor simbólico, obxecto de recordación ocasional ou de venda mercantil”, salienta García Negro.
Alén do artístico
O legado de Rosalía sobarda os límites do estritamente artístico. Rodríguez considera que “foi unha muller que intentou ser independente traballando naquilo para o que estaba máis dotada, a literatura. Naturalmente, intentouno non sen dificultades para unha muller culta e ilustrada, pero sen cartos. A dificultade aumentou por escribir unha literatura non asimilábel, contestataria e revolucionaria en moitos aspectos, sen ser esquemática nin folletinesca”. Un destes aspectos, sinala, foi “desvendar unha realidade agochada e desprezada, a da existencia do pobo galego como un pobo con dereitos”. “Desta perspectiva provén a súa sensibilidade antiimperialista, o seu afán pola igualdade das persoas e das nacións”, acrecenta.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 335 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]