ALFONS CLAVER, DIRECTOR DE COMUNICACIÓN DE NORWEGIAN

“Rosalía marcou un camiño”

Rosalía de Castro viaxará polos ceos de toda Europa, xa que a partir de marzo vai figurar a súa imaxe nun novo Boeing 737-800, de 186 prazas, da compañía Norwegian. Ademais, vén de aprobarse a proposta para que o aeroporto de Lavacolla pase a levar o nome da escritora. Vimos de falar con Afons Claver, director de comunicación de Norwegian Airlines. 

Juan Sebastián Elcano
photo_camera Avión dedicado ao navegante vasco Juan Sebastián Elcano

- A partir do mes de marzo a imaxe de Rosalía de Castro estará na cola dun dos avións de Norwegian. Por que a autora galega?
- Si, a partir do mes de marzo pintarase o avión. Hoxe preanunciámolo porque pintalo aínda levará unhas semanas. A compañía, desde o ano 2002, ten a política de decorar os seus avións con figuras históricas que foron pioneiras nas artes, nas ciencias, na política... e xeralmente xente que marcou camiño e romperon esquemas. Isto está relacionado con que Norwegian fai moitos anos comezou a facer voos domésticos dentro de Noruega e rompeu o que antes eran un monopolio estatal. Para aliñarse con esta imaxe de pionerismo e de rachar esquemas decidiuse recoñecer estes personaxes históricos. Entendemos que Rosalía encaixa dentro deste esquema, tanto polo feito de recuperar o galego como lingua de cultura do Rexurdimento, como por sen unha grande defensora dos dereitos da muller, e en xeral, dos dereitos dos desfavorecidos. Rosalía marcou un camiño. 

- Tedes coñecemento de se é a primeira vez que se utiliza a imaxe de Rosalía nun avión?
- Eu creo que si, pero non estou seguro. Non sei se algún avión de Iberia se chamou -que non é o mesmo que pintar- Rosalía de Castro no pasado. Pero certamente creo que é a primeira vez que a súa imaxe aparece nun avión. 

 “Rosalía encaixa polo feito de recuperar o galego como lingua de cultura do Rexurdimento e por ser unha grande defensora dos dereitos da muller, e en xeral, dos dereitos dos desfavorecidos”

- Tivestes contacto con algunha institución galega durante o procedemento?
- Si, puxémonos en contacto hai moitos meses coa Fundación Rosalía de Castro e axudáronnos moito a atopar e xestionar a imaxe, porque precisabamos unha imaxe que tivera moita calidade, porque claro, témola que facer moi grande para poder poñela na cola dun avión. A Fundación Rosalía de Castro axudounos dunha maneira desinteresada e foron moi amábeis.

- Algunha máis?
- Non, soamente tivemos trato coa Fundación. 

 “A Fundación Rosalía de Castro axudounos dunha maneira desinteresada e foron moi amábeis”

- Con Rosalía de Castro xa son 85 os avións da compañía que están decorados con imaxes de personaxes da historia, das artes e da ciencia de países nórdicos, do Reino Unido e do estado español. Por que decorar os avións con estas imaxes?
- Para reivindicar o espírito pioneiros destes personaxes porque cremos que encaixa co espírito pioneiro de Norwegian. En moitos casos, quizais non tanto no de Rosalía porque é moi coñecida e moi admirada na Galiza, pero hai outros personaxes, por exemplo a poeta Gloria Fuertes, foi unha personaxe que caeu no esquecemento, ou Clara Campoamor, a feminista, e a raíz de que Norwegian decidira crear un avión coas súas imaxes moita máis xente pasou a coñecer a súa figura e obra. Cremos que é unha maneira de volver a poñer en circulación certos valores .

- Desas 85 imaxes cantas son en homenaxe a mulleres?
- Malamente un 40%. Pero se te fixas nas españolas é 50%-50%. Temos a Cristóbal Colón, Juan Sebastián Elcano e Miguel de Cervantes por unha banda, e a Clara Campoamor, Gloria Fuertes e Rosalía de Castro.