MARÍA XESÚS LAMA, BIÓGRAFA DE ROSALÍA

"Rosalía foi unha filla froito dunha historia de amor extraordinaria"

María Xesús Lama, profesora da Universitat de Barcelona, vén de publicar o primeiro volume dunha agardadísima biografía de Rosalía de Castro, a primeira aproximación ampla á vida do personaxe máis importante das nosas letras. Subtitúlaa así: "Cantos de independencia e liberdade (1837-1863)".

mxlama
photo_camera María Xesús Lama

- Este é un traballo moi agardado polo conxunto da cultura galega. Canto tempo che levou?
- A verdade é que o traballo en si non é que leve moito tempo, pero métense moitas outras cousas polo medio. A min alongóuseme moito porque non me podo dedicar a iso en exclusiva, e tamén porque sepe me atrancou porque tamén necesitaba dixerir e reflexionar, para valorar todos os datos que ía acumulando. En realidade, eu empecei en 2013 cando en Galaxia me encargaron unha biografía breve e divulgativa polo 150 aniversario de 'Cantares' e como a fixen longa de máis, dixéronme que a fixera definitiva. 

Rosalia-de-castro.-Biografia

- Con que dificultades te atopaches á hora de o abordar?
- En primeiro lugar, coa falta de datos, de documentos en moitos aspectos que é imposible de conseguir. Hai escritores que teñen diarios, epistolarios longos... e iso permite achegarse ás vivencias e ao pensamento con moita fiabilidade. No caso de Rosalía, algúns queimáronse e outros moitos desapareceron, pero por outra banda, eu diría que temos a sorte de que é unha autora tan querida que hai moita xente que dedicou moitos anos da súa vida a pescudar pacientemente, a buscar todo canto se podía atopar relacionado coa súa biografía. Así e todo, é incrible o disperso que está todo e a cantidade de cousas que faltan por investigar aínda. Había a idea de que era filla de nai solteira e ninguén tivo en conta todo o seu entorno familiar. Sabemos moi pouquiño dos tíos, dos primos, de todo ese entramado familiar que constituíron unhas relacións moi importantes, e un apoio non só afectivo. Porque sabemos, por exemplo, que Rosalía publica artigos na última parte da súa vida en El Imparcial, que estaba dirixido por Gasset e Artime, pero a relación con Gasset vénlle das amizades de Padrón. Sabemos moi pouco das primas e primos cos que se relacionaba habitualmente. Aínda hai moito por pescudar. Na medida do posible eu fun reconstruíndo o que podía ser ese entorno, pero estou segura de que aí aínda se vai avanzar moito máis. Isto esixe un traballo de busca documental por arquivos e moito material xa está perdido seguramente. 

Eles tiñan moi claro o que querían que pervivise e o que non. 

- Pois acaba de dicir Alonso Montero na prensa que hai unha obra inédita agochada por Compostela...
- Iso é unha obra sobradamente comentada e coñecida, porque hai unha nota en 'Cantares' na que ela di que está a escribir esa historia do seu avó, pero claro que non apareceu nunca. Non se sabe se foi destruída, pero sería unha marabillosa noticia que aparecera. É posible. 

- Un dos grandes problemas foi que Rosalía mandou queimar cartas no seu leito de morte. 
- Non só Rosalía mandou queimar as súas cartas, tamén outros papeis. Hai anos publicamos na Academia uns inéditos e víase que estaba preparando un último libro, que se titulaba 'Postrimerías'. O máis probable é que non só queimase cartas, senón tamén escritos. Logo Murguía tamén queimou cartas. Nos anos 20 escribe algo así como "estiven repasando todos os materiais que tiña relacionados con ela e queimando cartas que aínda relín e parecíame tela presente a pesar de tantos anos que hai que xa non está aquí". Os indicios que temos é que se escribían case a diario, daquela era unha práctica relativamente frecuente. Atopamos expresións nas cartas como "levo varios días sen escribir carta túa, a pesar diso eu escríboche" ou "disme que che escriba cada día, pero ti non cumpres". En tantos anos de matrimonio tiña que haber aí unha correspondencia interesantísima. Tamén é moi posible que se destruíran inéditos literarios, pero é posible que algo quedase conservado e que vaia aparecendo co tempo, pero non é doado. Eles tiñan moi claro o que querían que pervivise e o que non. Eles tiñan moi claro que a súa obra tiña unha repercusión pública clarísima e decidiron tanto Rosalía coma Murguía que querían controlar a súa imaxe pública e, polo tanto, controlar que era coñecido e que non da súa vida privada. Esa decisión deles hai que comprendela, a pesar de que nos gustaría que non fose así. 

Non creo que Murguía fose unha persoa horrible, para nada, pero creo que ela estaba moi por diante en modernidade

- Cal cres que foi o papel de Murguía na súa vida, alén de coidar do seu legado despois da súa morte?
- Moi complexo, porque a relación entre elas tamén foi moi complexa, nada fácil. Eu creo que había unha compenetración intelectual, unha comunidade de ideais compartidos en canto a proxecto social, e que niso había unha lealdade absoluta entre eles. Pero os dous tiñan personalidades complexas e posiblemente de difícil compaxinación. Fixéronse moitas análises sobre a complexidade psicolóxica de Rosalía, pero o que está por facer é a de Murguía, é un personaxe que ten moitas arestas e furados negros. Creo que nas relacións persoais el tiña que ser complicadísimo. Ela tivo a elegancia de manter sempre esa lealdade de cara a fóra, e de non crear ningunha fisura nin ningunha crítica que puidese danar a imaxe del. Eu penso que ela era unha muller moi consciente da problemática feminina, cunhas ideas que chamariamos prefeministas, moi claras, e que tivo que convivir cunha situación dun matrimonio no que o ego do marido esixía certas claudicacións. E iso ela levouno o mellor que puido, supoño. Non creo que Murguía fose unha persoa horrible, para nada, pero creo que ela estaba moi por diante en modernidade, en actitude reivindicativa, quizais non no social, pero si en temas da muller, por exemplo. El seguramente comungaba cunha mentalidade máis tradicional porque evidentemente a posición do home é diferente. E digamos que ela o levou con diplomacia. A publicación de obras por parte das mulleres tiña que ser autorizada polo marido naquel tempo, e Murguía non só autorizaba senón que a estimulaba a que publicase, pero era moi solícito para revisar as súas obras, igual solícito de máis, igual colaborativo de máis. Era unha parella que se complementaba no ideolóxico, pero os desacordos quedaban na esfera do privado. 

Murguía non só autorizaba senón que a estimulaba a que publicase, pero era moi solícito para revisar as súas obras, igual solícito de máis, igual colaborativo de máis.

- En todos os anos de traballo, cales foron as túas principais fontes?
- Pois toda a bibliografía rosaliana. O traballo de Bouza Brey é moi importante, o de Caamaño Bournacel, e nos últimos tempos, o de María Victoria Ruíz de Ojeda, que fai unhas achegas importantísimas a partir de traballo de arquivo. Os autores clásicos que afrontaron a súa biografía fixérono cos prexuízos lóxicos do seu tempo, pero fixeron achegas moi importantes, como Carvalho Calero, e tamén os estudos da súa obra aclaran moitas cousas sobre a súa vida. Por exemplo, o de Katherine Davies para entender toda a implicación intelectual e política cos avatares desa época; ou Francisco Rodríguez, e todos os grandes rosalianistas. Logo claro, hai que ver os arquivos: na RAG consérvanse arquivos dela, tamén na Deputación da Coruña, no Concello da Coruña... Está todo moi disperso lamentablemente. Eu penso que polo menos hai que ir dixitalizando todo, para que polo menos estea todo en dúas institucións básicas como son a Fundación Rosalía de Castro e a Academia. A prensa da época é importantísima. Para o segundo volume teño algúns escritos novos que atopei na prensa, e creo que facendo unha criba máis porosa se poden atopar máis datos. Outra fonte importantísima é a biografía de Murguía que fixo Barreiro, e a edición da correspondencia que fixo Barreiro con Axeitos. 

A paternidade de Martínez Viojo está fóra de dúbida.

- Un dos grandes misterios arredor da súa figura son as circunstancias do seu nacemento e a figura do seu pai. Que nos podes contar diso?
- Sobre o pai o problema é que se tardou moito en saber quen era pero agora xa o temos moi claro. Era Martínez Viojo, o capelán de Iria, hai xa estudos sobre a súa familia, e desde que a familia Tobío publicou todas as cartas do tío que lle escribiu directamente a Rosalía e ela contestoulle recoñecendo indirectamente a relación. Logo hai correspondencia coa filla Alejandra, no que os trata como primos. Hai un recoñecemento implícito clarísimo. A paternidade de Martínez Viojo está fóra de dúbida. Ademais, el era un dos capeláns da colexiata de Iria e tamén o do Pazo de Arretén. A relación era asidua, o que pasa é que Tobío deulle esta noticia  a Bouza Brey nos anos 20 e non a publicou, e sóubose máis tarde, nos anos 70, cando lle entregou a documentación a Carvalho Calero, quen si a publicou. Ela tivo unha moi boa relación coa familia da nai, que era unha familia grandísima, que tiña un arroupamento de rede familiar. E coa familia do pai parece que era afable, porque tamén hai datos de que ela visitou ao pai nalgunha ocasión. A súa nai é probable que lle explicase e que ela non tivese especial trauma. Ela foi unha filla querida e protexida, e ademais moi amada pola súa nai e moi ben aceptada por toda a familia da súa nai. Eu desmitificaría esa idea de dunha Rosalía traumatizada pola falta de pai e de amor da nai. Non. Ela foi unha filla froito dunha historia de amor extraordinaria seguramente. E ademais iso nótase na seguridade, na liberdade e na autoestima que transmite nos seus escritos. Foi así, pero logo construíuse unha imaxe dunha Rosalía tan desgraciada. Dalgunha maneira non encaixaba moito e potenciouse unha visión que podía saír dos datos obxectivos, pero non é así. 

Eu desmitificaría esa idea dunha Rosalía traumatizada pola falta de pai e de amor da nai. 

- Rosalía foi parte do 1% da poboación, que diríamos hoxe. Tivo unha formación só ao alcance dos máis privilexiados. Pero á vez nunca tivo casa propia. Pregúntome se esa posición extraña configurou a súa personalidade e a sensibilidade cos máis febles. 
- Ela vive nun tempo no que a súa clase social perde os seus privilexios. A súa nai aínda viviu de rendas, tiñan rendas de toda a comarca. O que pasa é que nesa época xa hai dificultades para cobrar as rendas, os veciños non teñen xa excedentes para pagar e comeza a emigración ás Américas e déixano todo. Van perdendo esas vías de ingresos, porque o mundo evoluciona e a agricultura xa non ten a capacidade de soster as élites. A xeración de Rosalía é a xeración da xente que xa ten que vivir do seu traballo. Esa é unha das claves para que ela escribe: faino para gañar algo. Aí hai toda unha serie de xente que se vai á capital para intentar vivir das letras. O mundo das letras é un mundo que non é para bohemios, xa non se vive de mecenas, desenvólvese todo o mundo da prensa e publícanse obras literarias nos xornais. Son vías de ingresos. Ela é unha señorita que, por un lado, non pode traballar nos novos traballos que xorden para as mulleres no mundo industrial. Pensa que daquela foi cando se creou a fábrica de tabacos da Coruña que daba 2.000 empregos a mulleres nunha cidade de 20.000 habitantes. Rosalía non podía ir traballar a unha fábrica. As da súa clase eran institutrices ou educadoras ou traballan no mundo da cultura. Crean revistas, colaboran na prensa. Ela trata de gañarse a vida no mundo das letras porque xa non ten patrimonio para vivir sen traballar. Eran poucos os que conseguían vivir desafogadamente a non ser que puideran conseguir un posto da administración. Así que viviu toda a vida con pouco diñeiro, pero quizais ese é un dos aspectos que é difícil de documentar, porque hai algo de tópico. Por exemplo, na biografía de Barreiro di que Murguía gañou moito diñeiro pero que o dilapidaban. Eu creo que non era tanto, e ademais a xente coma eles gastaba moito diñeiro en mercar libros e outros bens culturais. Os seus ingresos non eran regulares, pero tamén ían ás augas a Caldas, alugaban casas de aquí e alá, viaxaban, tiñan dúas casas abertas. Nunca tiveron unha posición desafogada, como a xente que tiña cartos de verdade, pero tampouco viviron tan mal, diría eu. 

- Este é o primeiro volume. Cando sairá o segundo?
- Estou traballando nel e propúxenme como obxectivo que saia o ano que vén máis ou menos a esta altura. 
 

Comentarios