Kathleen March, catedrática na University of Maine

“Rosalía foi a culpábel de darme a coñecer máis sobre a escrita feminina”

Conversamos con Kathleen March (Rochester, NY, 1949), catedrática emérita de Español na University of Maine, co gallo da xornada que o Consello da Cultura Galega dedicou á súa obra para dar a coñecer mellor o seu traballo, valorar os seus contributos e proxectar cara ao futuro un legado intenso.

[Imaxe: AELG] Kathleen March
photo_camera [Imaxe: AELG] Kathleen March

Kathleen March, grande coñecedora e investigadora da obra de Rosalía de Castro, dedicou estudos á poesía de Manuel Antonio, Carvalho Calero, Castelao, Luz Pozo e Xohana Torres, e traduciu para o ámbito anglosaxón obras de Cunqueiro, Rosalía e Otero Pedrayo. Asemade, foi a fundadora da Galician Studies Association, hoxe Asociación Internacional de Estudos Galegos, para impulsar os estudos galegos na academia norteamericana.

A xornada levou por título Kathleen March, ler como feminista. Que significa para vostede ler como feminista?

O que teño feito non é só sobre mulleres, mais penso que era e é preciso ler como mulleres. Sobre todo no caso de Rosalía era preciso ler desde outra perspectiva. No caso das escritoras actuais sería darlles máis atención, falar máis delas –e máis, cando eu comecei-. Digo iso porque para min, como estranxeira, os nomes que saían nos libros e nos artigos de crítica eran basicamente de homes. As cousas xa non son iguais, teñen cambiado, mais aínda así é preciso ir dándolles o mesmo espazo ás mulleres. Agora xa é unha cousa máis equilibrada e estou contenta de ver iso. Cando fixen a antoloxía Festa da Palabra foi pensando na revista Festa da palabra silenciada porque parecía que as mulleres tiñan aí un espazo importante –de novo estamos a falar dos comezos dos anos oitenta-.

"Todos os tópicos que había arredor de Rosalía –a Santa Rosalía-, tamén os sufriron outras moitas escritoras que estaban nas mesmas condicións e que, grazas a ela agora vexo con outros ollos"

Mais continúa a ser necesario facer unha (re)lectura da crítica literaria –e cultural- a través dun enfoque feminista na actualidade?

Si, continúa a ser necesario. Comprendín iso grazas a Rosalía, e dígoo de verdade. O século XIX foi un momento no que moitas mulleres estaban facendo moitas cousas e había moitas escritoras. Mais eu non sabía nin tiña coñecemento da cantidade de mulleres que había escribindo en inglés, porque a crítica, de novo, falaba das mulleres como de escritoras que facían catro cousas sen moito interese intelectual. Lendo a Rosalía, as novelas dela, non só a súa poesía –as novelas están en castelán, mais é obra de Rosalía-, quixen ver e descubrir as súas contemporáneas noutras partes do mundo e comecei lendo en inglés, na miña lingua. E dixen, que cousa! Eu non sabía! Cantas escritoras que nin coñecía. Unha cousa é falar das escritoras esquecidas e outra é facer unha nova interpretación de escritoras xa coñecidas. Téñoo pasado moi ben e descuberto no meu país, e en Inglaterra, escritoras que no século XIX estaban facendo cousas importantes e interesantes. Rosalía fíxome ver cousas que pensaba que xa coñecía ou sabía. Todos os tópicos que había arredor de Rosalía –a Santa Rosalía-, tamén os sufriron outras moitas escritoras que estaban nas mesmas condicións e que, grazas a ela agora vexo con outros ollos. Vexo o traballo que facían, as estratexias literarias que empregaban, a súa condición social, a comunicación que tiñan entre si, como publicaban, a cantidade de textos que publicaban ou como viaxaban. Non sei se iso era feminismo, quizais, mais a escrita feminina seguiu con impulso e enerxía. Eu antes traballaba sobre escritoras, sobre escritoras latinoamericanas, mais Rosalía foi a culpábel de darme a coñecer máis sobre a escrita feminina. Todo o que se di de Rosalía como escritora universal non é mentira.

Vostede achegou unha lectura universal á obra e á figura de Rosalía de Castro.

Eu fun unha das persoas que comezamos a indagar e pescudar e ver un pouco máis de cerca o que facía Rosalía, e foi aí cando vimos que as contemporáneas dela noutros países tamén facían cousas semellantes. O contexto de Rosalía é máis amplo, non é unicamente a Galiza, senón que é o contexto da cultura das mulleres do século XIX. Mulleres intelectuais, con coñecementos, capacidade e compromiso político e cultural.

"Eu mesma fun facéndome máis feminista na crítica baseándome en Rosalía e pensando na vida dela, nos misterios que aínda hai, nas cousas que non se din e no que aínda non se sabe dela"

Vostede ten afirmado que a obra de Rosalía de Castro “aínda é unha grande descoñecida”. Malia ser a figura fundadora da literatura galega, a obra non poética de Rosalía de Castro segue a ser insuficientemente coñecida e valorada.

Sempre tiven esa dúbida de estar traballando sobre a obra en castelán porque sentía esa contradición: o compromiso que eu tiña co galego e despois estar traballando co castelán. As novelas de Rosalía penso que efectivamente aínda están por ser promovidas noutras linguas. Non publiquei máis pero teño traducido a novela Flavio, que é a súa segunda novela e presenta un discurso feminista. Debería ser máis coñecida, mais aínda non o é. Acontece o mesmo con El caballero de las botas azules, sobre a cal teño falado algo... Penso que ese cabaleiro non é home, mais si é unha muller vestida de home. Ese xogo coa identidade é algo novo. A muller, igual que George Sand, admirada de Rosalía que andaba vestida de home polas rúas francesas para ter unha vida digna e máis ampla.

Eu mesma fun facéndome máis feminista na crítica baseándome en Rosalía e pensando na vida dela, nos misterios que aínda hai, nas cousas que non se din e no que aínda non se sabe dela. Espero que máis xente manteña esa curiosidade por investigar e remexer no século XIX, non só en temas rosalianos senón tamén en canto a outras mulleres da cultura galega.

Leo a súa poesía e eu, como non galega, asumo eses poemas que chegan a todas as persoas, como “Xustiza pola man” ou como a paisaxe en “Chove miudiño”

Tamén ten apuntado que “o que se aprende nunha novela é tan importante coma nun ensaio”. Que é o que máis lle apaixona da obra rosaliana?

Eu sempre pensei iso, primeiro porque axuda a pensar e imaxinar a situación de Rosalía no XIX, unha muller intelixente, con familia e fillos, e coa resistencia masculina que non cría na capacidade das mulleres. Con todo o que fixo e todo o que publicou, incluso o que non temos visto nin vermos nunca. Penso moito no valor que Rosalía tivo ao empregar a lingua galega, unha lingua non valorada, porque no momento en que ela fai iso é importantísimo. Leo a súa poesía e eu, como non galega, asumo eses poemas que chegan a todas as persoas, como “Xustiza pola man” ou como a paisaxe en “Chove miudiño”. Todos teñen un valor sincero, calquera pode gozar con estes versos. Ao mesmo tempo, Las hijas del mar ou Flavio tamén dan pracer porque vese que ela estaba a contemplar e a elaborar temas relacionados coa condición da muller e coas loitas que tiña. Non podo escoller. Textos como Lieders ou Las literatas son importantísimos. Penso que máis que nada é a obra na súa totalidade e depende da faceta e aspecto que se queira subliñar nun momento dado. É importante incluír tanto a narrativa como a poesía, así como os ensaios –quenon son moitos- cando se fala de Rosalía porque todo ten que ver co que ela acadou e fixo como literata, e como tiña conciencia de ser muller escritora, cousa que na Galiza non era fácil. Non elixo nada! O que teño son pezas favoritas ás que sempre volto, como “Campanas de Bastavales” porque teño ido a Bastavales. Así teño a voz dela, as palabras dela, e estou eu con ela e coas miñas lembranzas. E paréceme unha sorte inmensa.

Que significou para vostede a xornada que afonda na súa obra?

Esta xornada causoume moita sorpresa. Dígoo con moito agarimo, mais non me pareceu unha cousa merecida. Eu penso que hai moita xente que traballa e que fai moito máis ca min no terreo da cultura galega. O que pasa é que supoño que cando unha vai tendo anos e vai sendo fiel… Non deixo de facer pescudas, lecturas e traducións. Sentinme sen saber que facer. Mais isto é positivo porque chama a atención para que outras persoas veñan e se vaian facendo máis estudos sobre literatura galega e sobre literatura feminina. Para min non é algo persoal, é para que axude e promova a cultura galega.

Comentarios