Rosalía de Castro, de poeta a súper heroína

O Festival Rosalía festexa a "cultura con superpoderes" en Compostela
festival-rosalia-2020
photo_camera Breve programa do Festival Rosalía 2020 (Foto: Nós Diario)

A  Praza de Cervantes -ou Praça do Pam- da capital galega, Compostela, acollerá este sábado, 29 de febreiro, o II Festival Rosalía, un encontro con música, teatro, feira e actividades para poñer en valor a figura de Rosalía de Castro e a súa "cultura con  superpoderes".

A iniciativa, organizada pola área de Cultura da Deputación da Coruña, con apoio do Concello de Santiago de Compostela e do Museo  do  Pobo  Galego, busca "festexar a figura de Rosalía" na mesma semana na que se conmemora o seu 183 aniversario, a través dunha imaxe moderna que achega a súa obra e personalidade ás crianzas.

Para iso, entre as 11 e as 22 horas, a  Praça do Pam acollerá distintas actividades para familias, así como un feirón de produtos, como camisetas, xoias, cuncas, láminas ou libros que teñen a Rosalía "como inspiración principal".

Ás 11 horas e ás 19 horas, Os Quinquilláns realizarán dous pasarúas teatralizados nos que a propia Rosalía de Castro e persoas da súa contorna mostrarán ás diferentes participantes lugares de Compostela que foron emblemáticos para a autora ao longo da súa vida.

O espazo tamén contará coa visita esporádica de  Súper Rosalía, quen a modo de heroína introducirá e dará paso aos distintos obradoiros e actuacións.

Amplo programa durante todo o día

Ás 12.15 horas, as crianzas e as súas familias poderán participar nun obradoiro de regueifas de temática  rosaliana, unha actividade que desembocará ás 19.45 nun concerto de regueifa a cargo de Lupe Blanco,  Kike Estévez e  Josiño dá Teixeira.

Pouco antes das 14 horas, as participantes poderán asistir ao montaxe Caldo de Gloria, inspirado no poema de Rosalía Miña  casiña,  meu lar, e que estará composto por música, contos e poesía da man de Rilo & Penadique, así como pola degustación do caldo.

E xa ás 17 horas, o Museo  do  Pobo  Galego acollerá a peza de teatro Rosalía, na que  Culturactiva aproxímase á vida da Rosalía nena, e, pouco despois, en Cervantes,  Chefa Alonso e Mariña Oural realizarán a estrea da súa peza Rosas Negras, unha proposta "contemporánea e futurista" de música e poesía.

Comentarios