Interpretado por Eliseu Mera e Cándido Cabaleiro

'Rosalía cantada', un achegamento á escritora desde a música clásica

A Fundación Rosalía de Castro achega o disco Rosalía cantada, un primeiro volume interpretado polo barítano Eliseu Mera e o pianista Cándido Cabaleiro, con 12 poemas rosalianos musicados.
rosaliacantada
photo_camera Eliseu Mera e Cándido Cabaleiro. (Foto: Nós Diario)

Desde esta fin de semana xa está dispoñibel, tanto na tenda física como na virtual da Fundación Rosalía de Castro o disco Rosalía cantada (vol. 1 Música clásica).

Trátase dun traballo discográfico gravado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21, que está á venda en plataformas dixitais como Spotify ou iTunes, entre outras, e que se integra dentro das actividades da Casa-Museo.

Rosalía cantada está interpretado polo barítono Eliseu Mera e o pianista Cándido Cabaleiro, que interpretan 12 poemas da escritora musicados por compositores clásicos e contemporáneos como Xoán Montes, Xosé Baldomir, Antón García Abril, Juan Durán, Octavio Vázquez e Fernando Buide.

“Moitas das creacións”, comentan desde a Fundación, “como a 'Negra sombra' de Montes ou o 'Maio longo' de Baldomir, chegaron ao público por versións de intérpretes pop ou folk, o cal contribuíu inmenso á súa difusión, mais ocultou a súa natureza orixinaria”.

Os poemas escollidos foron agora musicados en forma de lieds ou cancións cultas, “forma musical moi popular desde o século XIX e na que se procura a unión entre a voz e o piano para interpretar a poesía e a música”. 

Segundo apunta a Fundación Rosalía, promotora da iniciativa "a maior parte destas pezas rosalianas non están gravadas ou aparecen rexistradas de maneira dispersa", de modo que con este novo traballo permítese a súa agrupación e posta e valor.

Rosalía cantada gravouse ao vivo o pasado mes de novembro no Auditorio de Galiza de Compostela, baixo a dirección técnica de Pablo Barreiro e interpretouse na Casa-Museo de Rosalía no serán da pasada sexta feira para un público reducido previa reserva, 30% da capacidade do lugar, como mandan as normas sanitarias fronte á Covid-19.

Comentarios