Segunda edición do festival da poeta en Compostela

Rosalía baixa de novo ás rúas

Este sábado Rosalía de Castro volverá pasear polas rúas de Compostela. Farao da man da segunda edición do Festival Rosalía que, organizado pola Deputación e mais o Concello, encherá o 29 de setembro de concertos, danza, libros e obradoiros.
 

festival rosalía 2
photo_camera Presentación do Festival Rosalía en Compostela. Foto: cedida.

Unha cultura con superpoderes e unha imaxe da poeta convertida en superheroína presiden a xornada, que se estenderá das once da mañá ás nove da noite. A Praza de Cervantes, no casco vello compostelán, será o epicentro.

festival rosalía

A primeira hora inaugurarase a feira de produtos “con marca Rosalía”. Del farán parte trece postos que “fomentan o comercio local e de proximidade”. Ao pouco, Os Quinquilláns exporán o seu Pasarrúas Rosaliano. Ao tempo, o público poderá asistir en directo á creación dun “grafite rosaliano”.

A sección musical da festa correrá a cargo de Son Trío, tres mulleres (Su Garrido Pombo, Katerina Linke e Susanna Blanco) que reinterpretan textos de Follas Novas con aires jazz, e mais o folk de Val das Mouras. Será a partir das oito do serán. Unha horas antes, á unha do mediodía, Uxía ofrecerá o seu Rosalía Pequeniña, dirixido ás crianzas.

Mónica de Nut e Ánxela Blanco amosarán o seu espectáculo de “danza performance” en dous pases, ás 12.30 e ás 17.00 horas. Ás 17.30, a Vella Escola fará un obradoiro de rap a partir dos textos da poeta.

A vicepresidenta da Deputación Goretti Sanmartín e mais a concelleira de Igualdade de Compostela Marta Lois presentaron esta segunda feira as actividades do segundo Festival Rosaía.

Comentarios