Teatro

Rosa E. Gantes premiada co Platta de Teatro Breve

A autora ten unha longa traxectoria na dramaturxia amadora. A obra gañadora titúlase 'Reencontro' e será publicada en galego, portugués e castelán.
Rosa E. Gantes
photo_camera Rosa E. Gantes

A autora canguesa de adopción Rosa E. Gantes vén de facerse co II Prémio Platta de Peças Curtas de Teatro - Portugal 2020 coa obra Reencontro. O texto será publicado na colección Platta en galego, castelán e portugués, dentro das actividades da Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador co obxectivo de estimular a escrita dramática e promover a súa tradución e difusión nos territorios deste colectivo conformado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado, a Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castela e León, Teatro do Noroeste e a revista galega erregueté.

O xurado estivo formado pola actriz Josefa Barreiro, o dramaturgo Ricardo Correia e o gañador do certame en 2019, Xacobe Otero, coa voz sen voto de Vanesa Martínez como secretaria. O veredicto destacou a "situación farsesca proposta con reminiscencias chekhovianas que ofrece un xiro final inesperado, así como o bo desenvolvemento da historia e a súa potencia plástica de cara á escenificación debido ao diálogo que estabelece co mundo da pintura".

O veredicto destacou a "situación farsesca proposta con reminiscencias chekhovianas que ofrece un xiro final inesperado"

A obra será levada á escena nos obradoiros de lecturas dramatizada en tres linguas dentro do programa de actividades do Festival Transfronteiriço de Teatro Amador organizado polo Teatro do Noroeste, que terá lugar no Teatro Sá de Miranda de Viana do Castelo de 25 a 27 de setembro.

A autora

Aínda que Gantes naceu en São Paulo (Brasil), está afincada na Galiza desde 1970 e actualmente mora en Cangas do Morrazo. A súa relación co teatro amador arrincaba na década dos 80 dirixindo o Grupo de Teatro Xuvenil de Arbo co que presenta o Entremés famoso sobre a pesca do río Miño. Desde entón ten dinamizado grupos de teatro amadores tanto infantís como xuvenís e de adultos ligados a asociacións veciñais e culturais, entre os que destaca polo seu longo percorrido o Teatro Simalveira, da aldea de Meiro en Bueu.

En 1986 fundou o grupo Faba na Ola, no que asinou varias das obras representadas. Até 1992 este colectivo actuou por toda a Galiza e mesmo fixo varias actuacións en Portugal e Brasil. En 1992 Gantes publica na editorial Ir Indo, con outros autores, o libro Como facermos títeres, sombras, carautas e cabezudos. Na actualidade forma parte do grupo de teatro amador Eu.Experimento, ligado ao Centro Cultural Português de Vigo e da Escola Municipal de Artes Escénicas de Cangas.

Comentarios