Rosa Bugallo: “O viño e a música sempre se tiveron simpatía mutua”

As quintas feiras do verán, a terraza de Martín Códax ofrece na súa bodega en Cambados un programa musical que vai desde o inaugural encontro de Kepa Juanquera e Xabier Díaz até o peche de Uxía e António Zambujo o día 28 de agosto. Rosa Bugallo programa “Os xoves e Códax”, un novo encontro da música co viño. 

Rosa Bugallo
photo_camera Rosa Bugallo

-Que ten de especial a terraza de Martín Códax?

Destacaría tres elementos. O primeiro que é un novo espazo de programación. Buscouse crear un escenario distinto nunha empresa privada. Quixemos darlle identidade musical, unha carta de presentación cultural a Martin Códax. Esa identidade buscase con músicos galegos que nalgúns casos convidan a músicos doutros lugares. País Vasco, Madrid ou Portugal, nesta nova edición. E o terceiro elemento é o achegamento e a creación de novos públicos. Dáse unha mestura entre os traballadores da cooperativa, os empresarios que convida Martín Códax, o mundo artístico e o público en xeral que aproveita moitas veces para unha visita enolóxica. Nesta nova edición, todo o que se recade coa entrada vaise distribuír en distintas ONG´s da zona. 

-Como nace o programa?

Propúxenlle a Juan Vázquez, o director, a posibilidade de unir viño e música que desde sempre teñen correlación ou simpatía mutua, para poder xerar un proxecto de enoturismo que non existía no país e para abrir esa bodega como casa dos músicos galegos. Este proxecto comezou no punto álxido da crise, cando as administracións reduciron as súas programacións. Tratábase de buscar un novo espazo para a música. Son dous ámbitos que se están retroalimentando, que se benefician mutuamente. As visitas á páxina de Códax cando son os ciclos aumentan considerabelmente. Moita xente coñece a bodega a través dos músicos e os músicos senten que teñen un espazo cómodo para xerar proxecto. 

-Entón os “Xoves de Códax” son máis que un conxunto de concertos?

Son. Nesta edición Santiago Auserón e Sés crearán un proxecto de fusión. Sés saíu do taller de Auserón e non se volveran nunca xuntar. Agora é o momento e vano facer cun proxecto en galego. Uxía abre tamén este espazo a Portugal, o ano pasado traendo a Joao Afonso e este ano a Zambujo. 

-A zona é moi turística no verán, é unha maneira de que tamén coñezan a nosa cultura?

Trátase dunha terraza de deseño contemporáneo na que se aproveita tamén as propias divisións  para que artistas plásticos deixen a súa obra. O gran privilexio da terraza é que dá ao mar. Á hora dos concertos non é gratuíta. O público pode contemplar a caída do sol ao tempo que gozar coa música. As vistas son privilexiadas. A propia bodega aproveita para convidar a un viño a todos os que se achegan ao concerto. 

-En canto á programación deste ano, a terceira edición, que destacaría?

Destaco a diversidade, tanto dos convidados polos artistas galego, Kepa Junquera, Auserón e Zambujo como dos distintos estilos que se programan, desde flamenco,  música popular galega pasando polo rock de Narf ou indie de Caxade. Tiña interese en non pechar unha programación senón mostrar a este novo publico os distintos estilos do noso panorama musical. Destaco tamén que por primeiro ano utilizamos a bodega de Arbo, o Pazo de Almuíña, como residencia artística, na que convivirán Sés e Auserón coa idea de crear ese novo proxecto conxunto. 

Comentarios