Roque Sanfiz, Mazarelos: "Queremos que a revista Mazarelos dea o salto ao audiovisual”

O proxecto Mazarelos é unha iniciativa cultural que ten como obxectivo principal desenvolver tarefas de divulgación sobre feitos relacionados coa historia da Galiza. Naceu como unha páxina web, e pasou posteriormente a contar cunha revista en papel que se pode obter en librarías.
Roque Sanfiz mazarelos
photo_camera Roque Sanfiz

Como xurdiu a idea de fundar a cooperativa?

A cooperativa Mazarelos busca ser un paso máis na evolución do proxecto global, que naceu no ano 2019. En 2020 demos inicio á revista en papel. Agora decidimos fundar unha cooperativa coa intención de, en primeiro lugar, poder dedicar máis tempo e recursos dos que estabamos a dedicar até o de agora ao proxecto, e en segundo lugar, poder dar saída a actividades e iniciativas complementarias ao proxecto pero que xogan un papel moi importante á hora de que Mazarelos siga crecendo e evolucionando como até o de agora. 

Que obxectivo perseguen con este novo paso do proxecto?

O obxectivo, como che comentaba, é poder dedicarlle máis horas a toda unha serie de actividades que, ou ben non podíamos desenvolver da maneira en que nos gustaría, ou ben directamente non podíamos levar a cabo aínda que nos parecesen interesantes e positivas para o proxecto. Os que integramos Mazarelos limitabamos ao noso tempo libre as tarefas necesarias para sacar adiante o proxecto, mais agora, coa cooperativa, a dedicación que lle outorgamos é moito máis significativa. Iso vai permitir que sigan a saír novas actividades. Por exemplo, agora estamos a gravar unha serie de entrevistas e de documentais que, antes do nacemento da cooperativa, serían imposíbeis de imaxinar.

Mencionou vostede que están a gravar entrevistas. Que outras actividades teñen pensado desenvolver de cara aos próximos meses?

A nosa principal idea é seguir adiante cos proxectos que xa estaban en marcha até o de agora, ao tempo que os facemos evolucionar e os melloramos. Queremos continuar publicando artigos na páxina web de Mazarelos. Tamén temos moi claro que a revista en papel vai a continuar. De feito, nas próximas datas publicarase o sexto número. A maiores diso, estamos traballando para dar o paso ao sector audiovisual, xa que era un aspecto que tiñamos algo descoidado. Penso que Mazarelos ten moito potencial nese ámbito.

Coordinar un proxecto como Mazarelos semella un labor moi esixente.

Nun principio, fomos tres os que tomamos a decisión de fundar a cooperativa, mais por motivos persoais, agora mesmo seguimos adiante dous. A nosa intención para o futuro é ampliar a rede de colaboradoras a toda aquela persoa que estea interesada. Polo de agora é máis complicado conseguir iso, porque estamos a comezar, pero penso que todo está a saír ben. Coidamos que a acollida entre a xente está a ser moi boa. Levamos tres anos coa páxina web e dous coa revista, e recibimos moitísimo apoio. Tanto nas interaccións na páxina web como na participación nas actividades que ofertamos. A revista tamén ten moi boa saída, segundo o que nos aseguran desde as librarías.

Proxectos como Mazarelos xogan un papel importante na difusión cultural na Galiza. Corresponde o apoio institucional a este esforzo?  

Intentamos divulgar sobre a historia dunha maneira áxil e a través de plataformas que nos permitan achegarnos a novos públicos que quizais puidesen estar máis reticentes nun primeiro momento pero que están interesados en todo o que está relacionado coa historia. No noso caso, teño que recoñecer que tivemos sorte, porque atopamos acollida nas institucións. Pola nosa parte non temos queixa, pero iso non é norma. Penso que debería existir un apoio moito máis definido a este tipo de proxectos por parte de institucións e organismos. Desde eliminar posíbeis trabas ás que nos enfrontamos os proxectos e as asociacións culturais até fomentar a creación de espazos que nos permitan acadar unha maior proxección e visibilidade.

Comentarios