Ronseltz volve cabalgar vinte anos despois

O “mítico” unicornio de cenorias que cabalgas os sábados de Ronseltz volve ás librarías da man de Edicións Positivas. O único libro do colectivo formado por Xabier Cordal, Manolo Cortés, Serxio Iglesias, Miguel Montes e Xoán Carlos Rodríguez está de novo en circulación vinte anos despois. 

Ronseltz
photo_camera Ronseltz

“Se isto é poesía, que veña Rosalía e o vexa”, dicía Carlos Blanco na presentación de unicornio de cenorias que cabalgas os sábados nunha Ultranoite das da Sala Nasa do ano 1995. Blanco recomendaba entón ao público que non o comprara mais pouco caso lle fixeron e a edición esgotouse converténdose case en volume de coleccionistas e un dos exemplares máis buscados e codiciados da literatura contemporánea. Cando se cumpren vinte anos da edición do único libro do colectivo Ronseltz formado por Xabier Cordal, Manolo Cortés, Serxio Iglesias, Miguel Montes e Xoán Carlos Rodríguez, Edicións Positivas publica unha nova edición na que se inclúe un limiar do profesor da Universidade da Coruña Xosé Manuel Dobarro que, por razóns descoñecidas, non aparecía na publicación de hai vinte anos. 

“Todo na miña terra é paisaxe/ Menos traxe, / paxe / e garaxe”, foi un dos aclamados poemas daquel volume que a editorial presenta agora como “actual, humorístico, o molesto poemario” publicado hai vinte anos. “É un libro moi demandado e nalgúns foros na rede mesmo insultaban ao editor por non volver publicar o libro”, apunta con ironía Francisco Macías, de Positivas, sobre as razóns que o levan agora a volver editar de novo o único libro de Ronseltz. Alén deste argumento da propia supervivencia do editor, Macías considera que o libro é “o que máis influencia tivo na poesía contemporánea. Nos novos poetas nótase que leron a Ronseltz. O libro é moi citado e foi moi pirateado e fotocopiado”.  

Manuel Fraga, agora si in memoriam

Defende o editor a actualidade da proposta poética de Ronseltz que só perdeu vixencia naquela singular dedicatoria, en todo caso, adiantada no tempo. “A don Manuel Fraga, in memoriam”, dicían entón e agora, vinte anos despois, si que o daquela presidente só habita na memoria. 

Na memoria fican tamén os irreverentes recitais do colectivo, ás súas “homenaxes” a Novoneyra ou Celso Emilio Ferreiro en bares e pubs malia pasar xa case dúas décadas. Desde entón, os de Ronseltz non se volveron xuntar mais cada un deles continuou dunha ou outra maneira no mundo da poesía ou o espectáculo. Xabier Cordal converteuse nunha sólida voz da poesía actual, Manuel Cortés seguiu a súa traxectoria vencellada aos Chévere ademais de como escritor e tradutor, Serxio Iglesias gañou unha das últimas edicións do Lorenzo Baleirón, Miguel Montes (Miki Nervio) mantén a súa banda de blues e Xoán Carlos Rodríguez continúa tamén escribindo. 

A grande pregunta, aínda sen resposta, é se os cinco membros de Ronseltz volverán presentar xuntos o libro coa mesma irreverencia que hai vinte anos defendían a súa proposta poética. “Polo de agora non se sabe mais ao mellor se se ven sometidos á mesma presión que o editor para publicar de novo o libro conséguese que se xunten e reciten de novo”, deixa caer o editor Francisco Macías, deixando a porta aberta ao que poda pasar co libro recén saído do prelo. 

Comentarios