NO ANIVERSARIO DA MORTE DE SACO E ARCE, PAI DA FILOLOXíA GALEGA

Romper o imbécil rubor do miserábel que se avergoña da súa Patria

Poucas homenaxes ten habido á memoria de Saco e Arce, autor dos primeiros estudos serios sobre a  gramática galega. O 14 de setembro fanse 134 anos da súa morte.

foto_sacoCando en 1863 aparecen publicados os Cantares Gallegos é a propia Rosalía, no prólogo, que se lamenta de ter que escribir “Sin gramatica, nin regras de ningunha clás”.  Daí que apele á comprensión do lector polas “moitas faltas d' ortografia” e “xiros que disoarán ôs oidos d' un purista” que poderían aparecer no libro.

Rosalía sabe que a lingua por ela empregada cobre ben o que poderíamos chamar “estándar”  lingüístico do momento mais non por iso deixa de chamar a atención sobre o feito de o galego non contar na altura con estudos lingüísticos e gramáticas equivalentes ás que outras linguas posúen.

Sexa por esta observación de Rosalía ou por que esta necesidade xa non podía agardar máis tempo, tres anos despois da publicación dos Cantares Gallegos aparece o Compendio de gramática gallega-castellana : con un vocabulario de nombres y verbos gallegos y su correspondencia castellana... ; Un grandioso poema de 100 octavas titulado La creación y la redención ; un extracto de fábulas... algunas del autor... de Francisco Mirás, un texto que non ten como finalidade analizar as estruturas lingüísticas do galego mais servir como instrumento de comprensión aos moitos casteláns que veñen ás feiras á Galiza: “Como en Galicia, cuyas ferias son tan concurridas, sucede que muchos al oir hablar á un labriego no le pueden entender, según lo haremos ver palpablemente en los diferentes diálogos que sobre varios asuntos se pondrán en el presente compendio, nos hemos determinado darlo á luz á fin de que pueda comprenderse este idioma, que así como el Vascuence, Catalán, Asturiano y otros, tiene sus peculiares locuciones, mientras no llegue un tiempo en que la civilización que allana a las mayores dificultades, nos haga así como formamos una sola nación, también de un mismo lenguaje”

Mirás anticipouse cen anos ao que logo foron os “Francés para estranxeiros” ou “Inglés para estranxeiros” que hoxe vemos en todos os quiosques e presentou o seu “galego para estranxeiros” como unha necesidade á espera de que a asimilación do galego por parte do español sexa efectiva, xa que non entendía como lóxico que “nun mesmo reino” se utilicen “dialectos” diferentes. Neste sentido, parece que algunhas das medidas adoptadas en política lingüística na actualidade se inspiran directamente nos principios da gramática de Mirás. Pero esta obra, alén da importancia de ser o primeiro estudo sobre a lingua galega de que existe constancia, non ten máis que un valor simbólico na actualidade, e non achega dato ningún de relevancia para o coñecemento do galego.

O imbécil rubor do miserábel que se avergoña da súa Patria

Catro anos despois de Mirás e en coincidencia coa publicación de El habla gallega. Observaciones y datos sobre su origen y vicisitudes, de J. Cuveiro Piñol─ sae á luz a Gramática Gallega de Saco y Arce, editada en Lugo por Soto Freire, unha obra que analiza o sistema lingüístico galego non en si mesmo considerado mais en contraste co español.

Gramática_gallega_1868_Juan_A._Saco_Arce.pdfNon vén a conto aquí falar da vida de Saco e Arce (nado en Alongos (Toén) o 8 de marzo de 1835 e finado en Ourense o 14 de setembro de 1881, hai pois 134 anos. Morreu, segundo Fernández Alonso “con la conciencia tranquila de haber conservado su alma impoluta y su cerebro jugoso y fecundo en honras para su patria”) e tampouco da súa obra, mais convén lembrarmos, para, en palabras de Alberto Vilanova, resgatalo “das espesuras do olvido” que foi o iniciador dos estudos de gramática galega cunha perspectiva científica e partindo dos mesmos preceptos sociolingüísticos que inspiraron o prólogo de Cantares Gallegos. Por iso non dubida en afirmar que: Hay entre los pueblos y sus idiomas una íntima y necesaria conexión, que el descrédito ó la estimación de los unos recae inevitablemente sobre los otros. Honrar por tanto y enaltecer una lengua, es honrar y dar prestigio al pueblo que en ella expresa sus conceptos. Hijos de Galicia, honrad pues y cultivad vuestro dialecto: estudiadlo y aprended a conocer su méritopara estimarlo en su justo valor”

Saco sabe ben que, á altura do século XIX en que el vive,  unha lingua ou ten uso escrito, literario e xornalistico (“No os desdeñeis de emplearlo alguna que otra vez en vuestras composiciones literarias”) ou perde todo o valor e acaba por desaparecer. Sabe das dificultades de asumir a expresión pública en galego cando di que non nos ruboricemos por “expresaros en la lengua de vuestros abuelos” e que é preciso superar “el imbécil rubor del miserable que se avergüenza de su patria” O autoodio que a sociolingüística describiu no século seguinte. 

Pensamentos ben actuais os de Saco. E actitudes cara a lingua e cara a Galiza que seguen presentes, vixentes.

Comentarios