Romances e cantos de seitura pasados polo filtro singular de Carmen Penim

"Todo chega pasado polo filtro da miña cabeza", explica Penim do estilo ecléctico do disco. A compositora presentou esta semana 'Cantos de terra e sal'.
A música e compositora Carmen Penim.
photo_camera A música e compositora Carmen Penim.

Esta mesma semana viu a chegada do último proxecto de Carmen Penim, o disco Cantos de terra e sal. O repertorio deste álbum está composto completamente por temas tradicionais, algúns máis coñecidos, como "Miña nai" ou "Vente vindo", mentres outros rescatan pezas menos estendidas no imaxinario popular.

Aproveita en boa medida recollidas feitas por Xosé Lois Foxo -aínda que admite que lle tería encantado ser ela mesma quen as fixese-, algunhas mesmo do Bierzo, como o romance "A Gallarda", "unha pequena xoia", asegura a cantante.

Con base no tradicional e coa marca do eclecticismo como bandeira, Penim fai súas as pezas. "Todo chega pasado polo filtro da miña cabeza", explica, ademais de ter interiorizados os cantares da tradición: "isto mameino".

Cando ía á casa dos avós no verán e nas fins de semana escoitaba cantar os romances no Couto Mixto. "Eu coñecín a época sen televisión nas casas", relata.

Precisamente, Penim buscaba con este disco "outra maneira de homenaxear as mulleres da zona", xunto á súa propia avoa, que lle dá título ao cantar de seitura que serviu de adianto do álbum: "A María da aira pondo a roupa a clareo".

"É todo tan bonito..."

A escolma foi difícil: "É todo tan bonito...", comenta Penim. "Buscamos melodías que daban máis xogo", explica a continuación. A terra do título fai referencia á localización interior das cantigas, mentres o sal enlaza co contexto mariñeiro.

Con todo, aínda procurando o balance, desta volta o disco quedou "máis de terra que de sal". Pero a compositora deixa aberta unha posíbel continuidade, agardando poder darlle unha segunda parte.

Adaptadas ao seu terreo, a fusión abrangue xéneros e técnicas moi variadas, desde o canto de garganta de "A Gallarda", cun acompañamento tradicional máis sobrio, a outras pezas, como "Pastora do Bierzo", que se arriman máis ao jazz, aínda que con instrumentación doutros eidos: gaita, conectando coa raíz, e cello, desde a vertente máis clásica.

As mesturas son un lugar cómodo para Penim, afeita a vivir en ambientes multiculturais. Traballou en Italia durante seis anos, onde despois de moito tempo como autodidacta atopou a ocasión de estudar canto. Alí formou o dúo 2naFronteira xunto ao pianista Maurizio Polsinelli, que a acompaña tamén neste disco. "Cando compoño non me poño límites", asegura a cantora.

Destaca, aliás, na súa traxectoria a musicalización de poesía e o seu anterior libro-CD, Herdeiras, que afondaba nas mulleres resistentes á represión de 1936 na Galiza, cunha parte audiovisual da man de Margarita Ledo.

Boa acollida

"Por suposto, todos os discos teñen unha sensación moi forte", responde Penim ante o arroupo co que o novo traballo contou desde o seu nacemento, financiado colectivamente por vía dun mircromecenado. Así puido palpar de preto o apoio da audiencia.

"Recibín con sorpresa que houbese tanta xente interesada", asegura, trasladando o seu agradecemento. Aínda que o álbum sae nunha época mala, por mor da Covid-19 e, no persoal, por problemas de saúde familiar, ela decidiu botalo adiante de todos modos.

Os fíos da memoria

A colcha legada polas mulleres da familia de Penim serve de leitmotiv no deseño do álbum. "Eu son a memoria da nai, da neta e da avoa, da bisavoa na sombra do tempo. Ai de quen non lembra. Ai de quen non honra a memoria. Ai do pobo que esquece quen é", recolle o libriño do disco, achegando unha das chaves deste traballo que ten na recuperación das lembranzas das mulleres, a través da música, un dos seus puntos esenciais.

Comentarios