MÁIS

Rois vibra con Música n'aldea

Un festival para pór en valor o rural galego.
Foliada durante a edición pasada de Música n'aldea , na Casa do Porto en Rois. (Foto: AC Estoribor)
photo_camera Foliada durante a edición pasada de Música n'aldea , na Casa do Porto en Rois. (Foto: AC Estoribor)

Música n'aldea é un dos proxectos que proban a forza da cultura no rural galego. O festival naceu da man da Asociación Cultural Estoribor nun momento difícil, 2020, para que a veciñanza de Rois  (O Sar) seguise a ter festas patronais. O éxito non tardou en chegar e esta pequena iniciativa tomou identidade propia desligada do patrón da contorna.

Esta sexta feira comezará a súa quinta edición, que decorrerá na aldea da Casa do Porto e será en apoio do pobo palestino fronte ao xenocidio. Desde Estoribor queren manter unha serie de valores, como o carácter íntimo das aldeas ou evitar a masificación para non alterar a vida da veciñanza. 

Con todo, esperan que esta edición chegue a máis xente para promover unha recuperación da vida no rural. "Buscamos achegar a cultura ás aldeas. Non todo ten que ocorrer nas grandes cidades ou nos festivais de renome. Ao final, as foliadas e as festas teñen as súas orixes nas pequenas aldeas", declara Xosé Tubío, integrante de Estoribor, a Nós Diario.

Música n'aldea non exclúe ningún xénero musical. Nesta ocasión, o festival comezará coas contadas de Celso F. Sanmartín, que recupera a riqueza da tradición oral do rural. A música virá da man de Aksak cunha viaxe até terras turcas empregando as melodías e poderase gozar tamén do folk country de Cardelina.

A xornada do sábado comezará cunha andaina pola contorna da Casa do Porto e cun coloquio sobre a situación do xenocidio en Palestina. Pola tarde, conectarase con Portugal e co fado grazas a Lucía Martiz e Mauricio Caruso. Boroa será o encargado do feche desta edición con Tinta de Fol, unha performance que combina a pintura coa música. 

Comentarios