Roi Vidal, fillo de Roberto, afirma que este está a ser o ano do “antiteatro”

Malia que o Día das Letras Galegas se dedique por vez primeira a un autor teatral, o fillo de Roberto Vidal Bolaño, Roi Vidal, afirma que este é o ano do “antiteatro”. En declaracións á axencia EFE, estase a “desorganizar” o que se conseguiu até agora no teatro profesional galego. 

Roberto Vidal Bolaño
photo_camera caramuxo.com

Fillo de Roberto Vidal Bolaño e autor da obra BailadELAs, sobre textos de Roberto, que interpreta súa nai Laura Ponte, Roi Vidal sinalou que “as institucións que teñen que protexer a cultura celebran a un dramaturgo e se lle enche a boca de flores, mais nas cousas que verdadeiramente importan están facendo o contrario do que din”. 

“Este acabará sendo o ano do antiteatro” lamentou en declaracións a EFE nas que fixo fincapé no descontento que está a vivir a xente do teatro na Galiza, onde se está desorganizando o conseguido no mundo do teatro profesional, que inaugurara, entre outros, seu pai coa compañía Antroido en 1974 que volveu agora aos escenarios con el e Laura Ponte. 

Definiu a obra de seu pai como “teatro da dignidade” xa que Roberto Vidal Bolaño dirixía a súa mirada cara distintos sectores da sociedade dos que non se falaba, coa súa imaxe imborrábel co nariz vermello de pallaso. “É unha forza, un valor de denuncia que el empregou para dicir as verdades que outros non se atrevían a expoñer” comentou. 

“O teatro non está a ser apoiado” senón “desmantelado” engadiu Laura Ponte, nai de Roi, que sinalou que, malia as homenaxes, que celebra, Roberto non está a ser “potenciado na medida en que o merece, nin el nin o teatro”, nun ano afectado tamén, por outra banda, pola crise. Con Roi Vidal coincide en que a posición de Roberto Vidal Bolaño na vida situábase cos “perdedores, os malos tempos, os indignados”. “Facía unha dignificación do máis baixo da sociedade” engadiu o fillo que quere non só difundir a obra de Roberto senón a súa actitude vital e a súa ética.

Comentarios