Roi Casal: “Aspiro a que a miña música sexa referencia mundial”

Donos do noso destino é o terceiro traballo da banda de Roi Casal despois de iniciar a súa carreira en solitario en 2008 con Lendas Douradas e continuar con Maxicamente Vello. Esperanza en tempos difíciles é a mensaxe de Roi Casal neste terceiro traballo que toma nome dun poema de Henley que Mandela converteu en lema de vida. “O disco fala diso, do espírito de superación e de que, por moi difíciles que se poñan as cousas compre ser dono do noso destino”, di Casal.

Roi Casal
photo_camera Roi Casal

-Donos do noso destino, o título do seu terceiro traballo, é tamén unha declaración de intencións?

Cada tema deste terceiro traballo é un microhistoria que conforman un relato único. A que lle dá título é o segundo tema que está baseado nun poema de William Ernest Henley, un escritor inglés cunha vida difícil xa que aos doce anos tivo tuberculose ósea e tivo que ser amputado. Con cincuenta anos escribiu un poema no que dicía que, por moitos problemas que tivera, quería ser dono do seu destino. Dese mesmo poema fixo bandeira moitos anos despois un home que pasaría trinta anos na cadea e desartellaría o aperheid, Nelson Mandela. Todos os músicos que estamos na banda e que pertencemos á mesma xeración sabemos que temos as cousas difíciles, mais non máis que esas persoas que buscaron saídas e solucións a súa situación. Os relatos teñen, polo tanto, esa mensaxe de optimismo. Temos que ter espírito crítico e temos que queixarnos mais a seguinte fase é buscar solucións aos problemas. O disco fala diso, do espírito de superación e de que, por moi difíciles que se poñan as cousas compre ser dono do noso destino. A propia traxectoria nosa acae ben con esa filosofía. A nosa forma de facer música non era habitual e fo mos quen de conseguir o aprecio do público. Compre apostar e traballar duro. Non vai vir ninguén que nos salve.

-Este terceiro traballo consolida a súa forma particular de facer música?

Terá que ser a crítica quen o diga mais eu creo que como proxecto musical estamos consolidados. Acadamos unha estabilidade en todos os ámbito que nos permite, por exemplo, pechar un estudo durante catro meses para traballar con tranquilidade. A aposta de abandonar Milladoiro e emprender un camiño novo foi un risco. Descoñecía cal ía ser a saía e que ía suceder mais cinco anos despois o balance é positivo e o disco anterior foi o máis vendido no país. Agora síntome identificado co que fago. Estamos consolidados na nosa liña, agora tócalle ao público evaluar o noso traballo.

-Malia ter xa tres discos coa súa banda, o seu pasado en Milladoiro segue a ser unha referencia constante.

E para min un motivo de orgullo. Marchei de Milladoiro para facer unha aposta musical distinta. De querer continuar no folk tería quedado con eles porque ninguén o ía facer mellor. Paréceme normal que me pregunten polo meu pasado. De Milladoiro aprendín moito, na música e na vida. Viaxei polo mundo e comprobei o que significa un proxecto musical nun país como o galego no que tes que ter en conta que, cando estás fóra, non te representas só a ti senón tamén a toda Galiza. Detrás está a bagaxe cultural, mostrar a nosa cultura, con compromiso.

-Acaba de chegar de Zurich, a nosa música ten boa acollida fóra?

Pola miña experiencia diría que ten moi boa acollida. O público internacional está esperando propostas novas. A nosa é unha banda pop-rock na súa configuración mais o eclecticismo fai que sexa singular. Á xente chámalle moito a atención ver un arpa ou unha zanfona, que parte da nosa tradición, da nosa esencia, nunha formación que non fai música folk. Conseguimos rachar os compartimentos estancos coa nosa singularidade e fomos aceptados tanto en espazos de música pop como tradicional. A nosa proposta parte da mestura. Podía ter acontecido que a ninguén lle interesase esa fórmula e valoramos a posibilidade de semellar demasiado pop para os amantes do folk e demasiado folk para quen gustase do pop mais, pola contra, aconteceu que se nos abriron moitas máis portas. A clave pode estar na calidade da música. Traballamos desde Galiza, con instrumentos e sonorizacións que se identifican mais cunha nova fórmula, de risco, que é a nosa propia.

-Identifícase entón como música galega?

Os instrumentos son á música como as cores á pintura. Na nosa proposta hai fragmentos de música tradicional, textos de Rosalía ou Manuel María, letras populares... o que subxace detrás é o sabor da nosa cultura e é aí onde a xente nos identifica co país. En Zürich os galegos que asistiron ao concerto dicían que lles recordaba a Galiza. Movémonos en ámbitos que era máis difícil chegar desde o tradicional e chegamos a un público moi diverso que descoñecía a cultura galega. Estamos a meter o caudal da cultura galega en círculos nos que non penetraba. Creo que conseguimos abrir unha nova vía que non existía. 

-A arpa segue a ser o seu instrumento privilexiado?

É, digamos, o meu instrumento de cabeceira. Formeime con Rodrigo Romaní e logo no conservatorio en Madrid mais que non agarde ninguén un disco de arpa neste traballo. O disco está pintado a moitas cores e a arpa é unha máis. 

-Comeza a xira e a promoción nun momento de crise para o sector musical, como vive esta situación?

É difícil si se pretende facer como ate agora. O modelo de negocio, como en todo, vai cambiando e compre adaptarse. Se pretendes vivir de vender discos valo ter difícil. En cambio, nós nunca vendimos tanto nos concertos en directo. Eu creo que aí vai estar o segredo do futuro, na música ao vivo e teño esa idea despois de facer 35 directos o pasado ano. As propostas musicais teñen que ser un reclamo para a xente. Non podemos agardar que nos manteñan para salvar a cultura galega. Será o público quen o determine e esa ten que ser a normalidade do país. É necesario que a nosa música sexa asumíbel polo público e que haxa unha demanda real. 

-Quen é esa demanda real para a música de Roi Casal?

Témolo identificado e trátase dun público moi diverso, desde rapaces moi novos até xente da miña idade ou persoas maiores. A nosa música pode que non guste aos puristas mais é asumíbel por moita xente. Estou orgulloso de ter convertido a música tradicional nun formato que se vende, que sexa comercial. O outro era malcriarnos, como se lle das unha paga a alguén e logo cando lla quitas non sabe continuar. Viviuse unha situación de exceso e non se aproveitou para crear unha nova estrutura. Cando veñen momentos difíciles, se che colle armado e preparado podes afrontalos mellor que se non tes público real que demande a túa música. Vivino cando saquei “Lendas Douradas” e foi a base de probas, erros e frustracións que chegamos até aquí, non sendo fillo dun músico de Milladoiro. Vivín as mesmas frustracións que moitos compañeiros e aprendemos uns de outros no proceso. 

-Lendas Douradas, aquel primeiro traballo, foi difícil de promocionar?

Daba por suposto que sacando un bo disco xa abondaba mais o proceso non é así. Tiven que cambiar moitas formas de actuar, enfrontarme a unha realidade dura e así como no plano artístico estou moi contento dos tres discos, as circunstancias foron moi distintas. Se non ten viabilidade, o traballo pode ser moi bo mais non vai adiante. Compre ter detrás un modelo do que queres facer. Dinme conta dos meus erros e mudei a filosofía. Non era só gravar o disco, estaba todo o que rodeaba e influía no resultado final. Que ninguén pense que gravar un disco é ser artista e bohemio. Se queres que sexa profesional tes que traballar con profesionais en todos os ámbitos da industria musical. 

-Como vai ser a xira de presentación?

Iremos a América, no verán faremos unha boa xira por Galiza e despois iremos aos Estados Unidos. Non nos poñemos límites de ningún tipo. Aspiramos a a ser unha referencia a nivel mundial, que non lle quede a ninguén ningunha dúbida. É a nosa ambición e a filosofía deste proxecto. 

-O disco inclúe un tema de Díaz Castro e outro de Rosalía, a letrista máis de moda...

É  unha constante na miña carreira. Rosalía escribiu textos tan universais, con esa métrica e esa rima que cadra tan ben ás estruturas musicais que son extraordinarias para ser cantadas. Sempre digo que vivo nun ecosistema cultural moi rico e sería un desperdicio non beber del para o disco. A Díaz castro adícanlle este ano o Día das Letras Galegas, un recoñecemento colectivo ao que eme sumo musicando un poema seu. Comparto o espírito da iniciativa e, se podo, cada ano farei o mesmo co escritor ou escritora homenaxeado. Bebo do noso sistema cultural, tanto da literatura como da música e por iso Galiza se pode ver nos nosos discos. 

Comentarios