'Os acordes da natureza', de Fernanda Flores, na colección 'Creadores ponteareáns'

Rogelio Groba, mestre da nosa música

Rogelio Groba. Os acordes da natureza nacía para conmemorar o 90 aniversario deste músico e compositor. A obra, de Fernanda Flores, percorre a vida e a obra do mestre, e a unión entre a música e a contorna, pois “a natureza impón a idiosincrasia”, segundo afirma o mestre.

133248955_3622081987911989_669756740883972047_n
photo_camera Durante a presentación de 'Rogelio Groba. Os acordes da natureza' actuou a Orquestra de Cámara galega. (Foto: Nós Diario)

A sala de conferencias do auditorio de Ponteareas foi o escenario elixido para presentar o libro Rogelio Groba. Os acordes da natureza, unha obra biográfica e musical creada pola secretaria da Fundación que leva o nome do músico, Fernanda Flores.

No evento, ademais de dar a coñecer a obra para as 60 persoas que puideron asistir, tamén se amosou o retrato que a artista local Aurora Quinteiro fixo do compositor e que xa forma parte da colección permanente do Museo de Ponteareas.

Como non podía ser doutra maneira, a presentación deste novo volume da colección "Creadores ponteareáns", que edita o concello, tivo como punto final un concerto executado pola Orquestra de Cámara Galega, que interpretou pezas de Rogelio Groba, Schubert e Mozart, entre outros compositores. "Unha cousa variada e festiva, moi de Nadal, para pasar un bo momento e festexar, nunha etapa na que non é doado facelo", comentaba para Nós Diario a autora do libro, Fernanda Flores.

A tamén xerente da Orquestra de Cámara Galega lembra que o ano 2020 "ía ser un ano especial porque o 16 de xaneiro o mestre fixo 90 anos". Naquela altura, decorreu un concerto homenaxe pero as demais actividades "quedaron nun caixón" por mor da Covid-19.

"O Concello, moi vencellado coa Fundación e mais coa Orquestra", comenta Fernanda Flores, "achegou a idea do libro e foi o propio mestre Groba quen decidiu que fose eu a autora, porque di que o coñezo perfectamente e que entendo moi ben a súa cabeza e a súa maneira de ver as cousas".

Nacía así Rogelio Groba. Os acordes da natureza, para amosar a unión entre a obra do compositor de Ponteareas e a propia natureza, que segundo el mesmo afirma, "a natureza impón a idiosincrasia". Un volume que fai un percorrido pola vida e a obra do músico e que incorpora dous directorios, un referido ao estilo musical de cada peza e outro que organiza cronoloxicamente a extensa produción de Groba. Como colofón, un disco con diversas composicións do artista.

"Fixen un traballo de empatía", conta a autora, "coa xente coma min, que non se dedica á música, que non entende unha partitura e que cando escoita unha peza decide se lle gusta ou non, pero non entra en máis valoracións". "Son a única persoa que non é música dentro do que é a Fundación e a Orquestra e quizais por iso o mestre pensou que era eu a persoa axeitada para mostrar a súa traxectoria vital e musical", puntualiza Flores.

Divulgar a música galega na figura de Rogelio Groba

O 24 de outubro do pasado ano presentouse o audiolibro O neno Groba e música, creado pola guionista Lidia Fraga, o ilustrador Julio Seijas e a voz do actor Luís Iglesia. "Quixemos achegarnos ás crianzas e, a través delas, ás familias, e optamos por traballar con xente que non crease habitualmente para a infancia e que usase unha linguaxe actual", conta Fernanda Flores. 

"Cando fixemos a selección de músicas do mestre para este conto vimos que a natureza está presente sempre", lembra Flores. "É facilmente adaptábel calquera música que compoña o mestre Groba cun texto inspirado na natureza, porque cando unha escoita pensa que está feita para pensar o medio natural", engade, "el pon música á natureza galega".

Para este 2021 a Fundación Rogelio Groba ten a intención de organizar un concerto na cidade da Coruña e "tamén charlas para que a xente coñeza o nome de Groba, porque é de xustiza, non é tan coñecido como debería ser, é unha mágoa pero é así", conta Fernanda Flores. "Groba debería estar en todos os libros de música dos nenos e das nenas galegas, como mínimo, e incluso a nivel estatal", explica ao diario.

E sentenza a secretaria da Fundación, "o noso obxectivo é que Groba e a música galega soen en todas partes".

Novos proxectos, festival e concertos para o novo ano

Xaneiro de 2021 inaugúrase con dous novos discos, un deles resultado da gravación do concerto realizado hai un ano, Homenaxe 90 aniversario Rogelio Groba. Outro dos traballos que sairán é Rosalía-Groba, "que é marabilloso", di Flores, "coido que é a miña cantata favorita do mestre, Rosalía na catedral, interpretada polo Coro de Iruña e a Orquestra de Cámara Galega.

Unha obra que inclúe a sinfonietta titulada "Rococó", de 15 minutos, e subvencionado pola Deputación da Coruña.

"Na Fundación seguimos coa dixitalización de novas obras, porque o mestre segue a compor", conta Fernanda Flores, "unha das que creou o pasado ano é dedicada á Orquestra de Cámara Galega, que fixo 25 anos", mais tamén seguen con concertos fechados para 2021 e cunha nova edición do Festival Rogelio Groba.

Rogelio Groba, creador incansábel

Nado en Guláns, Ponteareas, en 1930, Rogelio Groba segue a compor e a crear músicas aos seus case 91 anos. Proximamente verá a luz o traballo titulado Rosalía-Groba, que inclúe a cantata Rosalía na catedral, interpretada polo Coro de Iruña acompañado da Orquestra de Cámara Galega.

Comentarios