UNHA NOVELA CURTA DE MISTERIO

Rodeira publica un libro póstumo de Fernández Paz, 'A casa do medo'

Rodeira-Edebé vén de sacar do prelo unha novela para adolescentes que o autor chairego non puido ver editada. 

edebe-fdezpaz
photo_camera Presentación no Fogar de Santa Margarita [Foto: Twitter de Edebé]

Trátase dunha novela curta de misterio que el deixou lista para editar, mesmo a portada foi elixida por el, tal e como nos contan desde a editora. 'A casa do medo' é unha cabana que lles pon os pelos de punta aos mozos e mozas de Valverde. No libro, que vén de publicarse en galego e en español, cóntase a historia dun mozo que marchou pero que ten que volver de novo á súa vila natal despois de moitos anos. A partir de aí acontece de todo: leis máxicas, portas que non se abren, bosques malditos e a valentía do rapaz que só vai armado cun amuleto. 

acasadomedo

Logo do seu pasamento en xullo, Fernández Paz sorprende cunha entrega non agardada destinada ao público xuvenil que foi presentada esta mañá no Fogar de Santa Margarita na Coruña, o primeiro colexio no que comezou a exercer a docencia. No acto participou a familia do escritor (a filla e a súa ex muller), a escritora Fina Casalderrey, a súa tradutora Isabel Soto e a editora de Rodeira, María Xesús Gómez. Ademais, inaugurouse unha placa co seu nome na biblioteca do centro escolar. 

Agustín Fernández Paz (Vilalba 1947 – Vigo 2016) foi un autor prolífico e multipremiado. Foi o escritor galego máis traducido a outras linguas e un dos máis vendidos. Na editorial Edebé ten publicados cinco libros, aínda que a súa editora de referenza sempre foi Xerais. Recibiu en 1994 o Premio Edebé de literatura xuvenil por 'Trece anos de Branca' e en 2005 o mesmo galardón de infantil por 'A escola de piratas'.