sábado 29/01/22

UTOYA 22 DE XULLO

Utøya 22. juli

(Noruega 2018, 93 min.)

Dirección: Erik Poppe

Guión: Anna Bache-Wiig e Siv Rajendram

Fotografía: Martin Otterbeck

Música: Wolfgant Plagge

Elenco: Andrea Berntzen, Aleksander Holmen, Brede Fristad, Elli Rhiannon Müller Osbourne

 

SINOPSE

Ao igual que centos de adolescentes, Kaja pasa as vacacións de verán nun campamento situado na illa de Utoya. Alí mesmo chégalles a noticia de que en Oslo acaba de estourar unha bomba terrorista. O pánico desátase após escoitar uns disparos na propia illa.

 

CRÍTICA

O 22 de xullo de 2011 estourou unha bomba no medio de Oslo. Poucas horas despois producíase un masacre na illa de Utoya. Un terrorista de ultradereita comezou a abrir fogo de maneira indiscriminada sobre os mozos e mozas que gozaban dun campamento de verán. 72 horas de pánico que Erik Poppe (Mil veces boas noites) traslada á gran pantalla cunha crueza e realismo extremo.

Este acto de terrorismo fascista xa fora adaptado ao cinema con anterioridade. O primeiro intento foi un filme de baixo presuposto titulado Utoya Island (2012, Vitaly Versace) que recalou directamente no formato doméstico. No 2018 viron a luz o documental Reconstructing Utoya (de Carl Javér) e máis o filme de Netflix, dirixido por Paul Greengrass, 22 de xulio. As versións ficcionadas de Versace e Greengrass dan bastante protagonismo ao terrorista. A versión de Poppe non. Utoya 22 de xullo céntrase nas vítimas.

Para elo Poppe reconstrúe aqueles fatídicos 72 minutos de horror nun só plano secuencia. Unha soa toma en tempo real. Un esforzo titánico de planificación técnica, de produción e de interpretación que consegue trasladar ao espectador o pánico abafante, o desconcerto e a incredulidade do centenar de adolescentes que asistiron con pavor a como unha xornada idílica de acampada convertíase no peor pesadelo das súas vidas.

Poppe reconstrúe aqueles fatídicos 72 minutos de horror nun só plano secuencia. Unha soa toma en tempo real

O plano secuencia comeza após un prólogo do atentado de Oslo. A continuación a acción trasládase á illa de Utoya. A xoven Kaja (Andrea Berntzen) aparece en pantalla, mira a cámara e di unha frase desconcertante: “Non poderás entendelo. Cálmate. Só escoita”. Resulta que Kaja estaba a falar coa nai a través do mans libres do móbil, aínda que todos e todas intuímos que é unha licenza para saltar a cuarta parede e advertir, coa honestidade que dá mirar directamente para os ollos do público, do sentido das imaxes (e sons) que veñen a continuación. O filme non dará respostas do acontecido aquel 22 de xullo, así que: só atende e vive a experiencia...

Traballo espectacular de deseño de son, pois moitas das cousas que acontecen neses 72 minutos están fóra de plano. Era importante captar os berros, os disparos, as pisadas de xente correndo... Pero é que ademais a cámara tampouco estaba queda. Brutal. O traballo de cámara e de dirección de fotografía, de Martin Otterbeck, tamén é escandalosamente bo. Con cámara en man persegue a xoven Andrea Berntzen por toda a illa nun estilo que se achega bastante ao utilizado en O fillo de Saul (2015, Lásló Nemes) e ao dos irmáns Dardenne, pero moito máis dinámico e virulento. Otterbeck acabou recibindo o merecido galardón a Mellor Fotografía nos Premios do Cinema Europeo.

Tanto Andrea Berntzen como o resto dos actores e actrices apenas tiñan experiencia previa diante das cámaras. Isto provoca que a verosimilitude e a proximidade cos feitos sexa aínda maior do previsto. En xeral todos e todas conseguen que nos creamos cada unha das súas reaccións, pero Berntzen, que non por nada é a protagonista, abraia. Adestrouse mental e fisicamente para estar metida no papel todo o tempo, improvisar cando fora necesario e aguantar máis dunha hora en tensión e case sen parar de correr. Con todo, Kaja é unha personaxe inventada. Todo o que padece non é máis (nin menos) que a suma de moitos dos arrepiantes testemuños que deron as persoas superviventes en entrevistas previas á realización do filme.

Utoya 22 de xullo é un extraordinario traballo colectivo de puro cine que trata de facernos sentir nas nosas propias carnes, con bastante éxito, unha experiencia durísima de terror real ao tempo que lle fai de digna homenaxe ás vítimas e alerta dos perigos desa incipiente ultradereita europea que se autodefine como “sen complexos”. Moi necesario o silencio atronador dos títulos de crédito para que tratemos de dixerir o que acabamos de presenciar.

 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Rodar o horror nun plano secuencia de 72 minutos
comentarios