A nova edición do Rock in Cambre sorprende cun interesante cartaz no que conviven grupos consolidados con outros emerxentes. A sexta feira 3 de agosto os teloneiros encargados de abrir os concertos serán os coruñeses The North Grooves, unha aposta polo rock clásico dos setenta; Destemplados, banda de Cambre coñecida polo seu estilo ecléctico, que vai desde o rock máis clásico até o grunge, e Sin City Devils, outros autóctonos da vila que levarán ao escenario o seu punk’n’roll, unha sorte de punk mesturado con rock e hard. A noite seguirá coas actuacións estrela, que virán da man dos Heredeiros da Crus, Radio Océano e Siniestro Total.
Os madrileños Ronin abrirán a xornada do sábado seguidos de Wetsocks, que repiten por segundo ano consecutivo como teloneiros do Rock in Cambre, e Coyote, outra das bandas residentes que participan e cuxas composicións beben do blues máis eléctrico e do soul. A última noite de festival estará pechada por Banda Bassotti, Os Resentidos, Angelus Apatrida e Stratos-VLC.
O domingo 5 será a quenda da sesión vermú, animada polos grupos Senmetal e Malatransa, no Anfiteatro do Parque da Igrexa. As bandas “abreconcertos” do Rock in Cambre foron elixidas a través do Concurso de Teloneiros, ao que se presentaron nove grupos que se enfrontaron a un xurado composto por recoñecidas figuras do panorama musical galego, como o xornalista e produtor Nonito Pereira; o vocalista de Radio Océano Xosé Manuel Pereiro, e o gaiteiro Luis Cao Mahía.
Compromiso social
Desta volta, a organización do festival incluirá tamén distintas actividades de tipo social, entre as que destaca unha Fila 0, cuxos beneficios irán destinados ao pobo saharauí a través da organización sen ánimo de lucro Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS). Tamén participará A Mesa Pola Normalización Lingüística, que contará cun espazo propio no festival para a difusión de liñas de traballo, material propio, servizos, etc.
Tamén está programada unha colaboración coa Cruz Vermella, a través da cal as súas afiliadas e afiliados poderán desfrutar dun emprazamento propio no festival, adecuado ás súas necesidades. O mesmo acontece coa Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM), que xa amosou a súa vontade para colaborar no Rock in Cambre difundindo as súas actividades e promovendo a participación entre as súas socias e socios.
O coidado polo medio ambiente tramitarase a través de ADEGA, asociación ecoloxista que contribúe á causa do rock co chamado “vaso ecolóxico”, dunha importancia transcendental neste tipo de eventos nos que se move un gran número de persoas.
Actividades paralelas
A perspectiva de xénero tamén estará presente grazas á Marcha Mundial das Mulleres, que colaboran cunha mesa de “Rock e xénero”. As actividades paralelas deste ano 2018 inclúen, ademais, un obradoiro de batería para mozas e mozos que será impartido por Martín Aparicio, do grupo Malatransa, o obradoiro de linguaxe musical “Vive o rock!”, que será impartido por Lucía Louro (Escola de Música Sementeira), e un taller infantil de construción de instrumentos. A maiores, a través do programa Rock Miúdo ofrecerase ás rapazas e rapaces a ocasión de achegarse a este estilo musical que tanto tirón ten no municipio cambrés.
Tamén está organizada unha mesa redonda con Antón Reixa e Carlos Sedes, a presentación da primeira novela de Julián Hernández (líder de Siniestro Total), Sustancia Negra, e a presentación do novo traballo de Radio Océano, Memorias do óxido.
Como chegar e onde durmir
Aquelas persoas que queiran vivir o Rock in Cambre terán habilitado un campamento no Ximnasio de Cambre.
A menos de dez minutos do aeroporto de Alvedro, o concello está localizado entre a nacional N-VI (A Coruña-Madrid) e a N-550 en dirección Santiago. Tamén hai acceso a vías de alta capacidade, como a autoestrada AP-9 e a autovía A-6. En autobús, a rede de transporte metropolitano dispón de liñas aos municipios veciños, ao aeroporto e á estación de autobuses de A Coruña. En tren, Cambre conta coa súa propia parada ferroviaria e o apeadoiro de Cecebre para liñas procedentes da Coruña ou Vigo.
Para saber máis sobre horarios e información aínda por concretar, as persoas interesadas poden chamar ao teléfono de Cultura 981 613 193 ou escribir un correo a [email protected].
Este texto viu a luz no Caderno de Verán, suplemento do semanario Sermos Galiza, en concreto no seu número 305.