Rock in Cambre, a achega de Antón Reixa

Rock en Cambre. Rock en Galicia. Rock na Vida

anton reixa

Teño 61 anos e o 4 de agosto subirei ao escenario do Rock in Cambre. 

Hai case dous anos salvei a vida, pasei polas tebras do coma inducido e velaquí estou: rock and roll.

Volvín do outro lado. Non había nada especial. E só quero asolagarme no rock and roll. Os mellores anos da miña vida anterior foron de rock and roll. Os anos que me queden desta quero vivilos e morrelos de sobredose de rock and roll.

Hai quen fala da esperanza de vida e disque aumentou polos avances da ciencia e a saúde pública. Cómpre dicir que agora somos vellos doutra maneira porque o ADN colectivo vén infectado de rock and roll. 

O rock é son, pero é moitas cousas máis: coraxe, melancolía, cabreo, rabia, idioma, xente, suor, ira, paixón, máis suor e, sobre todo, palabra e acordes psicofónicos de que outro mundo é posible.

Cando comezamos Os Resentidos, as poucas referencias de pop en galego eran Dobarro (Grande!!!), Goma 2 e pouco máis, agora o censo de rock en galego é grande. Parece que non porque a resistencia do idioma é humilde e pouco ruidosa, pero agora hai mellor e máis rock en galego do que había trinta anos atrás.

O país e o idioma son o máis cosmopolita da nosa forma de estar no mundo. Se os trobadores vivisen agora organizaríanse en grupos de rap e hip hop.

Hai unha boa razón para ir a esta edición de Rock in Cambre: aquí non actúa “Taburete”.

Texto publicado no Caderno de Verán do semanario Sermos Galiza número 305, que podes ler na nosa loxa. 

Comentarios