Rocío González: "As cousas están a mudar, coas mulleres na escena e a perspectiva de xénero"

A Rocío González acaban de outorgarlle o Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva, nomeadamente polo seu papel en Liberto, de Rebordelos Teatro. Agora, compaxina nos escenarios esta montaxe coa comedia de Producións Teatrais Excéntricas, Estrela do día. Sobre todo isto conversa a actriz con Nós Diario.
rociogonzalez
photo_camera Rocío González interpretando a Ada en 'Liberto'. (Foto: Xacio Baño)

Outórganlle o XIX Premio Maruxa Villanueva e pasa a integrar unha nómina con nomes como Roberto Vidal Bolaño, Xosé Manoel Olveira 'Pico', Susana Dans ou Mónica Caamaño. Como recibe o recoñecemento?

Recíboo con moita sorpresa, é un premio importante e a listaxe da xente á que lle deron o premio... son profesionais ás que respecto moito e polas que teño moita admiración. Estar nesa lista supón unha grande honra. Tamén o dan, en parte, polo último proxecto, a personaxe de Ada en Liberto, e polo modelo lingüístico, que é algo que me honra moitísimo e que me parece moi bonito. Estou moi, moi contenta. 

Precisamente, sobre Liberto, o xurado do premio fala da contención expresiva na interpretación de Ada. Ten un significado especial esa montaxe?

É especial porque tamén foi para min particularmente duro, no sentido de enfrontarse a unha personaxe así, nun espectáculo sen artificio, só unhas actrices enriba do escenario, sen moito máis ao que agarrarnos para que a verdade da interpretación se transmitise. Foi difícil no sentido de enfrontarse a moitos medos, inseguridades, é unha personaxe dura, con moitas contradicións e que, sinxelamente, mostra todo o que lle está a pasar por dentro. Son dificultades que enriquecen e fan que o espectáculo medre e teña unha nova dimensión. Para min é un traballo no que evolucionas como actriz, aprendes das compañeiras, da directora e de ti mesma. Son personaxes que sei que van quedar na traxectoria como algo importante.

Está agora mesmo en tres montaxes: Rosalía, Estrela do día e tamén Liberto...

Con Excéntricas estreamos en febreiro Estrela do día, o de Rosalía comezou o ano pasado, unhas semanas antes do confinamento... Liberto xa é de 2019... Estou moi contenta de traballar con Excéntricas e tamén co infantil de Culturactiva, son códigos moi diferentes e poden compaxinarse porque son públicos e con horarios diferentes. A peza infantil é moi bonita e sinxela, e a min o público infantil encántame porque non menten, vas por facer funcións escolares ou para público familiar e se é un espectáculo que lles gusta entran e se non tamén cho din. Hai que coidalo porque é o público de mañá. 

No que se refire a Estrela do día, con Excéntricas, creo que nunca rin tanto nun proceso de traballo como neste, e creo que iso tamén se nota no propio espectáculo. Cando te enfrontas a un proxecto novo, es unha peza máis do espectáculo e tes que traballar en función del, hai que escoitar moito, ver como se respira e facer o teu labor o mellor posíbel para que isto vaia adiante. Para min é un luxo e unha aprendizaxe, nesta profesión estás en continuo cambio, e aquí compartes con Patricia Vázquez, con Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, con Quico Cadaval e con Marcos 'Ptt' Carballido na dirección, e foi moi divertido. 

Volvendo a Liberto e lembrando As do peixe, de Contraproducións. Que hai de significativo en montaxes feitas por mulleres ou naquelas que contan, con mulleres, historias de mulleres? 

Cando estou nun proceso de ensaio eu non teño a capacidade de ver a dimensión que pode chegar a ter. Até que o espectáculo non empeza a andar, como As do peixe ou Liberto, eu non son quen de visualizar a dimensión, mais cando chega a resposta de volta, de mulleres que se viron identificadas na peza, de moitas xeracións, traballadoras cunha experiencia moi común cun fío condutor moi potente, que lidan co traballo na casa e na conserva... Cando ves que toca tanto, es consciente desa dimensión que cobra. E tamén podes falar diso no tema da lingua... 

Supoño que as cousas están a cambiar nese sentido. Hai mulleres que levan moitos anos dirixindo, pero son menos. Acontece tamén no audiovisual, onde as mulleres somos maioría, pero non as protagonistas, e creo que está ben esta mudanza e que estean en escena mulleres contando historias de mulleres... E agora a xente nova, moitas mulleres que están empezando na dirección, como pode ser Tamara [Canosa], ou actrices que están saíndo da Escola de Arte Dramática (ESAD) con moita perspectiva de xénero e un discurso feminista potente. 

En setembro, Premios María Casares, nesta "normalidade"...

É importante que se faga a gala, na maneira na que se faga, porque se lle dá visibilidade ao teatro, ás compañeiras e aos proxectos que se están a montar. Neste ano tan complicado para moitas compañías, a gala fai un día especial, agora que non parece que as cousas pinten ben, hai que reivindicar axudas e crear unha política cultural, que co confinamento demostrouse que non hai...

Case dúas décadas sobre as táboas

Formouse como actriz en  Espazo Aberto e en diversos cursos especializados e leva na profesión case dúas décadas. Chegou a ela en 2002 da man de A Factoría Teatro, compañía á que seguiron, entre outras, Eme2, Contraproducións ou Teatro de Ningures, ademais do Centro Dramático Galego.

A día de hoxe, integra o elenco da última montaxe de Producións Teatrais Excéntricas, Estrela do día, estreada o pasado febreiro. Unha comedia que compaxina con Liberto, de Rebordelos Teatro, e pola que foi gañadora do María Casares á actriz protagonista na pasada edición.

Mais Rocío González tamén interpreta teatro infantil e cunha montaxe de Culturactiva, Rosalía, vai participar, a comezos de maio, no festival máis importante desa categoría no Estado español, Feira Europea de Teatro para Nenos e Nenas (Feten) de Xixón, Asturies.
 

Comentarios