Roberto Sobrado homenaxea Os Resentidos na presentación do seu novo disco

Atlas de Anatomía, o quinto disco de Roberto Sobrado grupo presentarase o vindeiro 11 de xuño en Compostela, nun concerto no que tocarán cos Resentidos, banda á que homenaxean. Unha campaña de crowdfunding busca financiamento para o evento. 

Roberto Sobrado Grupo
photo_camera Roberto Sobrado Grupo

O concerto será de presentación do quinto disco de Roberto Sobrado grupo mais tamén unha homenaxe aos Resentidos, a banda coa que compartirán espectáculos. Atlas de Anatomía presentarase o vindeiro 11 de xuño no Salón Teatro de Compostela e, para a súa presentación pública, Roberto Sobrado grupo acompañarase de tres dos membros da última formación da banda liderada por Antón Reixa. Pablo Vidal, Rubén Losada e Manu Payno participarán nun concerto que contará tamén con colaboracións estelares de Antón Reixa, Javier Soto, Anxo Graña, Piti Sanz ou Xabier Camba. 

A banda anuncia viaxar polo “lado escuro do rock”

Os membros d´Os Resentidos non serán os únicos convidados para a presentación do novo disco de Roberto Sobrado grupo e, así, o vindeiro 11 de xuño subirán a escena tamén Abe Rábade, Carlos Blanco, Xosé Constenla e O Leo e Arremecághona. 

Co fin de financiar o pago do traballo a músicos, técnicos, director musical, a produción audiovisual e montaxe de vídeo ademais da promoción e organización da xira, o grupo vén de poñer en marcha unha campaña de crowdfunding co fin de acadar os 2.700 euros do orzamento. Camisetas, descargas de discos, asistira á festa de despois do concerto ou mesmo contar con concertos acústicos de media hora para festas privadas ou da  banda ao completo son algunhas das recompensas que propoñen segundo as distintas achegas que poden ir de 5 a 500 euros. 

Atlas de anatomía ofrece nove temas novos de Roberto Sobrado, un músico que cumpre xa 20 anos de traxectoria. Pop, rock e blues son o telón de fondo sonoro deste novo, e quinto, traballo no que a banda anuncia viaxar polo “lado escuro do rock”. Con esta nova proposta, Roberto Sobrado executa un “harakiri consciente pero non total ao cantautor que eleva dentro”. 

Roberto Sobrado ten na rede xa o adianto do novo disco en acústico co tema "Fan de asuntos legais":

Comentarios