QUE LER?

Richard Ford, un escritor verdadeiro

Richard Ford
photo_camera Richard Ford

Desde que lin Incendios vai para uns 25 anos torneime nun adepto cuase incondicional -cando abeiras os 50 anos é mellor non absolutizar nen dogmatizar nada e irte secularizando, incondicional sen cuase é too much- de Richard Ford. Esta semana levei unha alegría cando souben que gañaba un importante premio borbónico español. Merecidísimo. Ford é un escritor de raza, como o foi Hemingway ou Fitzgerald ou como o é Paul Auster, se falamos de narradores do seu mesmo universo. Quero dicer con isto que para Ford a literatura non é accidental, senón que é a súa vida. É deses tipos que non se poden concebir a si propios se non é escrebendo.

Aliás, Ford é un escritor escéptico, tranquilo. Ou quizás Ford non sexa iso (e se en persoa é vehemente ou colérico?), mais si o é o seu alter ego, o seu trasunto, o lendario Frank Bascombe, a criatura de ficción á que o escritor de Mississippi leva dedicado xa catro libros (a triloxía O xornalista deportivo, O día da Independencia, Acción de Grazas e o recente volume de contos Francamente Frank). Imposíbel non identificarme con Bascombe: permítanme unha confesión persoal, cando lin O Xornalista Deportivo eu mesmo era iso, un sportswriter, e cando merquei o libro merqueino chamado por ese título, algo equívoco, porque ao final o xornalismo e os deportes eran simplesmente un macguffin, unha percha, un pretexto argumental para Ford entregarnos un retrato de persoas e paisaxes, o retrato dun país, o seu, os EUA, ese país que por moito que non teñamos visitado é un pouco noso tamén no sentido de que sen el non se entendería a nosa vida, as colonias non se explican sen os imperios.

Ford é un escritor escéptico, tranquilo. Ou quizás Ford non sexa iso (e se en persoa é vehemente ou colérico?), mais si o é o seu alter ego, o seu trasunto, o lendario Frank Bascombe

Frank Bascombe publica un primeiro libro máis que prometedor. Escintila o seu talento. Chama a atención da crítica. Unha estrela emerxente. E de súpeto sen saber moi ben por que -talvez a presión do segundo libro, o abismo de escreber despois dun primeiro suceso, o mesmo que levou a lendaria Harper Lee a non lle dar continuidade a To kill a mockingbird- Bascombe abandona a literatura e apaña un traballo de escritor de deportes, de xornalista deportivo. Por que esa renuncia? Por que non desenvolver o seu potencial? Por medo? Por preguiza? Por falta de entusiasmo?

Bascombe é un xoguete nas mans de Ford, que compón un universo literario xigante sobre o esteo desa figura desapaixonada. Cos lentes de Frank Richard fainos viaxar por un país que ten conciencia de si próprio -desde a Galiza non deixo de envexar os países que teñen conciencia de si propios, con independencia do tipo de conciencia que sexa- e pinta un lenzo non só sobre a sociedade norteamericana, senón sobre persoas concretas, cos seus conflitos, as súas dúbidas, as súas inseguridades, as súas decisións, os seus erros, tamén as súas pequenas grandezas.

Un escritor verdadeiro é aquel que ten unha voz propia, aquel que é recoñecíbel desde a primeira liña. Ford éo, non só polo estilo, pola forma, senón tamén polo fondo, polas súas ideas, polos seus valores. Non é só un narrador versátil -fora de Bascombe, é moi quen de se mover en rexistos diversos, eis a súa incursión no realismo suxo en A Piece of my Heart ou o seu estupendo libro de contos Incendios, un chisco na esteira de Raymond Carver-, mais é tamén un escritor que transmite verdade, que te cres en cada parágrafo, xa saben a que me refiro, un escritor honesto. Cero impostación, cero artificio, nengunha engranaxe, escrita fluída, natural, aparentemente automática.

Se me piden un nome de escritor vivo eu digo sen dubidar Richard Ford. É normal: son como Bascombe un sentimental e Frank é para min case un amigo. 

Comentarios