Ricardo Portela xa ten o seu testamento musical

O gaiteiro Carlos Núñez vén de finalizar De Gaiteiro a gaiteiro, un traballo que cumpre coas últimas vontades de Portela e que levou tres décadas de traballo. Presentouno coa colaboración do Consello da Cultura Galega.


 

EuropaPress_3358319_ricardo_portela
photo_camera O gaiteiro Ricardo Portela. (Foto: Consello da Cultura Galega)

O músico galego Carlos Núñez recibiu cando só tiña 18 anos o encargo de ser o que crease o testamento musical do seu profesor, Ricardo Portela. Tras 30 anos de recompilación, Núñez xa ten lista a transcrición e análise da obra do que fora o seu mestre.

Nesta obra De Gaiteiro a gaiteiro, a disposición xa en versión dixital, na que hai unha importante tarefa de estudo detrás, tamén aparecen recollidos a técnica e os coñecementos de Portela coa idea de que poidan chegar ás novas xeracións de gaiteiras e gaiteiros.

Mais chegar a este punto non foi unha tarefa sinxela. Para chegar da man do Consello da Cultura Galega a presentar este proxecto, Núñez non só ficou na Galiza repasando apuntes do profesor. Tamén visitou países de tradición atlántica que comparten ese vínculo coa gaita.

Na presentación que decorreu hoxe en Compostela, explicouse que o estudo referencia unha tradición viva e “un exemplo de longue durée, que sitúa unha cultura como un continuo vivo de elementos que permanecen ao longo dos séculos e que conforman a identidade dun pobo”.

O gaiteiro equiparou a figura do seu mestre á de Perfecto Feixoo ou Xan de Campañó, pois representan unha tradición viva e "non un revival ou un soño tentando reconstruírse".

O musicólogo Álvaro Torrente, que se encargou de prologar o traballo do traballo, subliñou importancia desta publicación.

“Pon a disposición de todos o tesouro da gaita, que con tanto tesón preservou para o futuro don Ricardo Portela”, incidiu.

Comentarios