Entrevista

Ricardo Losada: "En Manuel Antonio hai unha personalidade explosiva e moi irascíbel"

Xosé Ricardo Losada (Rianxo, 1961) deuse a coñecer a pasada sexta feira como gañador do Premio Torrente Ballester da Deputación da Coruña con 'O rosario e a buguina', unha novela que se centra no conflito relixioso entre o poeta Manuel Antonio e a súa nai durante os últimos meses de vida do primeiro. A obra verá a luz o próximo ano.
Xosé Ricardo Losada é profesor de filosofía. (Foto: Eduardo Castro Bal)
photo_camera Xosé Ricardo Losada é profesor de filosofía. (Foto: Eduardo Castro Bal)

Vostede xa se achegara á biografía e obra de Manuel Antonio Vida e misterio dun poeta galego (Galaxia, 2018). Que o leva agora a tratalo desde a ficción?

Foi fundamentalmente a raíz de escribir a biografía, que ten as súas exixencias, sobre todo a nivel de rigor. Había unha parte, os tres últimos meses da vida de Manuel Antonio, que sempre me foran un pouco enigmáticos en relación a como se relacionara coa nai.

Esa foi a idea inicial, na biografía non tiña datos suficientes para apoiar unha hipótese e pensei que a ficción me podería permitir especular un pouco máis e dar unha visión do que eu consideraba que poderían ser eses meses. Sempre coa convicción de que non intentaba escribir o que pasou, porque iso sería imposíbel, senón reflexionar sobre o vínculo entre unha nai e un fillo nunhas circunstancias moi difíciles, pois desde moitas perspectivas estaban bastante afastados.

"Non intentaba escribir o que pasou, porque iso sería imposíbel, senón reflexionar sobre o vínculo entre unha nai e un fillo nunhas circunstancias moi difíciles"

En concreto, hai uns versos de Viladomar [1928], o último libro que escribe Manuel Antonio, que sempre me chamaron moito a atención: "Alá no mar sen fin / eu estou axionllado tamén". Esas palabras conflúen nese enigma que expresa o título: por un lado o "rosario" da nai, seguindo o catolicismo, e, polo outro, a "buguina". Reflexionar sobre ese contraste é o que me apetecía.

Apuntan eses versos precisamente ao que sería o conflito relixioso que se volve central na novela, non?

Si, o núcleo da novela está enfocado fundamentalmente a dúas cousas: por unha banda, ese conflito relixioso, no que hai unha parte máis ficcionalizada -a nai case o emprega como unha especie de chantaxe emocional-, e pola outra, a vocación poética de Manuel Antonio, que ela, por mor das circunstancias da época, nunca entendeu e sempre intentou contrarrestar. Neses últimos momentos, aparece a necesidade que el tiña de explicarlle á nai a súa vocación poética. Esas son as dúas liñas que exploro.

Como se insire a poesía na obra? Porque, polo que di, entendo que estará moi presente.

Si, esa foi xa a idea da miña biografía. Creo que Manuel Antonio ten unha mentalidade romántica, como el mesmo sinala en moitas ocasións, aínda que tamén fala ás veces de antirromanticismo, penso que intentando responder precisamente a esa visión sentimental que el tiña. É un caso prototípico, desde a miña interpretación, dun "letra ferido", un home no que vida e obra non poden separarse.

"É un caso prototípico, desde a miña interpretación, dun 'letra ferido', un home no que vida e obra non poden separarse"

Era ademais un seguidor moi fiel de Nietzsche, unha persoa que lle daba moita importancia a todo o que é o trasmundo psicolóxico. El mesmo se chega a definir como un "psicólogo do alén", que é algo curioso. É imposíbel desligado da biografía psicolóxica, aínda que evidentemente sempre é arriscado entrar aí, mais áchoo imprescindíbel e necesario. Aparecen ademais moitos datos e indicios que revela constantemente no seu epistolario.

E como é esta psicoloxía de Manuel Antonio?

É unha pregunta difícil de contestar. Eu na biografía penso que racho algúns moldes que había sobre Manuel Antonio, desde a miña interpretación, para intentar contrastala con outras. Por resumir moito, creo que era froito dun proteccionismo excesivo da nai, aínda que pode parecer o contrario, desde moi neno, que se foi prolongando. Ten así unha psicoloxía claramente inmadura.

Deixa o eido do familiar moi cedo e vaise a outro totalmente distinto. Neses ámbitos pasa a estar un pouco na sombra e nel hai unha personalidade explosiva e moi irascíbel, que para min é algo fascinante, porque precisamente a partir do manifesto "Máis alá" decátase diso e entra nun proceso de madurez que é a parte máis apetecíbel de Manuel Antonio, desde o punto de vista psicolóxico.

Dáse conta de que era demasiado provocador, de que non tiña nada que ofrecer até aquel momento e ponse a escribir dunha forma obsesiva ese libro fantástico que é De catro a catro. Constrúe así unha das aventuras máis extraordinarias da literatura galega desde a perspectiva psicolóxica e literaria.

Estilisticamente, como se materializa todo isto?

A novela vai alternando capítulos en primeira persoa: nuns fala a nai e noutros Manuel Antonio. É unha novela curta, de aproximadamente 130 páxinas nas que se van contrastando as dúas visións que teñen o un do outro como da propia vida, da morte e dos diferentes problemas que se expoñen.

E, sobre todo, as olladas de cada un no conflito que expresa a novela de se finalmente Manuel Antonio aceptará ou non recibir a extrema unción, un dos fíos narrativos que propón a obra.

Fiel á verdade

Con cautela para evitar spoilers, Losada adianta O rosario e a buguina vira sobre un conflito relixioso: "Manuel Antonio é unha persoa que seguiu toda a vida cos rituais católicos, confesábase e ía á misa regularmente, como aparece nas cartas". Porén, el non tiña "a concepción do catolicismo da nai, centrada nos exercicios espirituais. É, de feito, moi crítico con ela".

Con todo, nos últimos momentos "o decisivo é que ambos os dous se foron separando desde o óptica humana e precisan un encontro que é propiciado pola morte", di o escritor. Todo isto, matiza, responde a unha "interpretación moi persoal" do poeta rianxeiro, sen a intención "de minusvaloralo, senón todo o contrario. Eu creo que é fundamental que os autores que admiras os enfoques desde a verdade, mesmo coas súas contradicións: amalos e valoralos por como realmente foron", cousa que tamén aparece "na novela como subtexto", opina Losada.

Comentarios