Ricardo Casás: "O que facía miña avoa ten tanto valor como o que estudei no conservatorio"

Rosa da Vila foi unha pandeireteira, cantadora e compositora da Vila da Igrexa, no concello de Cerceda. Sobre as súas melodías, o seu neto, o músico Ricardo Casás, artellou o proxecto Fuliada na Vila. Coa metodoloxía do jazz, Casás publicará un disco que xa sooou este mes en Compostela. 
O músico Ricardo Casás (Imaxe: Eutropio Rodríguez)
photo_camera O músico Ricardo Casás (Imaxe: Eutropio Rodríguez)

—Cal é a vila na que se fai a foliada?
A Vila da Igrexa, no concello de Cerceda, que é onde naceu toda a miña familia paterna e é onde vivo eu. Alí pasaba as fins de semana, pero medrei na Coruña, vivía ese mundo como un neno de cidade. Os meus pais coñecéronse na Coruña. Teño a influencia tradicional pola miña avoa paterna, Rosa, e, pola parte materna, o meu avó era músico de banda na zona de Agolada.

—Nun principio, vostede tirou máis pola vía do seu avó.
Os meus inicios como músico foron no conservatorio e na banda de música A Sementeira, de Cambre. Pouco a pouco, cando tiña 18 ou 20 anos, comecei a introducirme no mundo da música tradicional e fun comprendendo que o que facía a miña avoa tiña tanto valor como o que eu estudaba no conservatorio. Empecei a analizalo, a practicar e a escoitar esa música, a cantar e a aprender con ela. Cousa que non fixera até ese momento. 

—Que valor ten o que ela cantaba e tocaba?
Cando, a finais dos 80, empezou a sacar a pandeireta e a tocar nas festas, pensaba que era algo que só facía ela. Grazas a escoitala comprendín que aquilo era o máis habitual en todas as familias nunha xeración antes da miña. Era a maneira máis común e máis espallada no territorio de facer unha festa. De cantar e de bailar. Iso que eu vía como algo folclórico e un pouco alleo a min, porque non sucedía na miña contorna, comecei a velo como algo familiar. Escoitaba as historias da miña avoa, do meu pai, que cantaba, bailaba e levaba a pandeireta a outros lugares para facer a festa.

—Preguntoulle por que parou de tocar?
Por unha parte, ela asociábao á casa, á aldea. Emigrou a Inglaterra nos anos sesenta como a maioría da xente de Cerceda. Alí non había pandeireta nin masa crítica para facer a foliada. Vivían galegos, andaluces, portugueses, paquistanís e non se daba esa situación. Cando volveu á Coruña tampouco era un ambiente propicio para facelo, non se podía facer ruído, tocar desa maneira, e xa a propia dinámica da cidade non favorecía que se fixesen as foliadas.

—Sorprenderíase de saber que hoxe hai foliadas na Coruña?
Creo que se sorprendería. Xa era unha sorpresa para ela cando no Luar vía pandeireteiras tocar. Facíalle graza que esa cousa tan doméstica saíse na tele. Gostaba moito de ver esa valoración da pandeireteira a partir dos 90, porque antes a tradición era encarnada no gaiteiro, e a partir de que empezaron a saír na televisión sentíase como un pouco orgullosa. Penso que contribuíu a que xente da súa xeración gañase autoestima e tivese menos vergoña á hora de sacar unha cantiga ou de tocar a pandeireta para facer a festa.

—Naquel achegamento para aprender dela xa pensara na mestura do blues ou do jazz co tradicional?
Non, cando empezo a cantar e tocar con ela non vía ningunha relación entre o que estudaba e o que ela facía. Tratei de procurala, pero non a atopei. Até que descubrín os libros de Dorothé Schubart, o Cancioneiro Popular Galego, no que sae recollido o canto de Rosa da Vila da Igrexa. Unha musicóloga cunha formación tan sólida de música clásica interesárase por estas melodías. Cando a coñecín en 2015 explicoume que veu a Galiza na procura das orixes da música europea. Eu comecei a ver relación entre a música clásica, Beethoven, Mozart, Bach, coa música de tradición máis ancestral que Dorothé recolleu aquí a finais dos 70 e principios dos 80.

—Hai outros músicos na Galiza que se inspiraron nas melodías tradicionais, onde atopou vostede o nexo de unión?
En 2015 eu estudaba jazz. A música que facemos non se pode catalogar como jazz, pero si que collín o método para mesturar as diferentes correntes. Nos inicios do jazz, mestúrase o blues rural cunha fonda pegada africana coa música urbana da poboación branca. Ese método de coller o mellor de cada mundo é o que usei eu. Centreime nas melodías da miña avoa Rosa, que teñen o mellor da tradición europea pasada polo filtro da Galiza, e sumei os instrumentos que tocan os meus amigos. 

—Cando pensou en transformalo nun disco?
Cando preparaba o traballo de fin de grao, moi semellante ao concerto que imos escoitar na Quintana, pensei en transformalo nun disco porque era a maneira máis doada de espallalo. Esas melodías que cantaba Rosa, que ninguén máis canta porque ninguén máis a gravou, escoitaranse, cantaranse e bailaranse en moitos máis lugares.

"Agardamos ofrecer máis concertos pronto"

No mes de outubro, na Semana do Libro de Compostela (a Selic), Ricardo Casás presentará o libro-disco Fuliada na Vila, editado por aCentral Folque. "Na obra explícase toda a historia da recollida de Dorothé Schubart á miña avoa, unha reflexión sobre a música tradicional e sobre o papel que teñen hoxe as persoas que cantan e que bailan no panorama da cultura", explica Casás.

Xunto a el, tocaron nas festas do Apóstolo de Compostela as percusionistas e cantadoras Carolina Vázquez, Branca Villares e Pepa Yáñez; o guitarrista Francisco G. Galán, o baixista Carlos Santos, o batería José Ares, o acordeonista Fran Barcia, o saxofonista Gueorgui Oganesian, o trombonista José Luís Miranda e o trompetista Javier Pereiro. "Agardamos ofrecer máis concertos pronto", pon de manifesto Casás. 

Comentarios