martes 25/01/22

O nome de Ribadeo pode atoparse en numeros contextos. No ámbito da xeografía, en Madrid un pode descansar na ‘Plaza Ribadeo’. En localidades como Vilafranca do Bierzo ou Alcorcón –entre outras– podemos pasear pola ‘Calle Ribadeo’. Se imos máis lonxe aínda, no extrarradio da cidade colombiana de Armenia poderiamos mercar unha vivenda no ‘Conjunto Residencial Ribadeo’. Doutra banda, no plano literario, o nome da vila ribadense aparece por duplicado nun poemario de Luz Pozo Garza: Ribadeo, Ribadeo (2002). Mais no plano musical non existía homenaxe desta índole dentro ou fóra das nosas fronteiras. Non existía até que o grupo sevillano Bittersweet optou por poñerlle solución e bautizar o seu segundo álbum co nome de Ribadeo.

Ribadeo supuxo un cruce nos seus camiños guiado polo azar

Formado por Álex (20) e Fran (20), como vocalistas e guitarras, e José Ángel (23) na percusión, os andaluces Bittersweet sorprenden no seu segundo álbum adoptando o nome da vila mariñá. Unha sorpresa aparente, vindo dun grupo de Sevilla, que para eles non é tal, posto que Ribadeo supuxo un cruce nos seus camiños guiado polo azar. Un azar que marcou o devir da banda desde as súas orixes até o lanzamento do disco o pasado 2 de febreiro. “Falando un día Álex e eu –recorda Fran– decatámonos da cantidade de lugares nos que estiveramos e, de súpeto, froito desa conexión cósmica xurdiu a vila de Ribadeo”.

Despois de comprobar que pasearan polas mesmas rúas e comeran nos mesmos restaurantes, Fran compuxo unha balada –El Puerto– dedicada ao porto ribadense e á Ponte dos Santos. “É unha canción que fala da superación dos obstáculos nunha relación até chegar ao punto exacto”, sinala Álex, quen confesa que “Ribadeo suporía ese punto exacto de paz que se asemella ás sensacións que se teñen no porto da vila galega”.

“Ribadeo é como unha meca espiritual para nós e coma unha metáfora dese lugar na vida a onde queremos chegar como músicos”

Non só a canción El Puerto e o álbum se converteron nunha homenaxe á localidade ribadense. De feito, o grupo non dubida en recoñecer que Ribadeo marcou un antes e un despois nas súas carreiras. “Ribadeo é como unha meca espiritual para nós e coma unha metáfora dese lugar na vida a onde queremos chegar como músicos”. E ese destino final, sincéranse, non pode ser outro máis que “un lugar máxico e flipante coma Ribadeo”.

Ata o momento, contan con doce citas confirmadas para dar a coñecer Ribadeo. Desde Granada a Vigo, pasando por Madrid, Salamanca ou a súa Sevilla natal, Bitersweet agarda poder consolidarse no panorama musical e reflectir o que Ribadeo significou e significa para eles. De feito, non negan o seu desexo de volver pronto á localidade ribadense e soñan con dar o seu primeiro concerto na vila que bautizou o seu segundo disco. Coma mostra de agradecemento, tamén queren facer chegar unha copia do álbum ao Concello.

Iso si, aínda que viñesen actuar non poderían desaproveitar a oportunidade de desfrutar de Ribade e de “pasear polas súas rúas, visitar a preciosa Illa Pancha e rematar o día cuns pinchos na Lira e unha cea no San Miguel, onde se come que mete medo”, afirman entre risas. En definitiva, non poderían desaproveitar a oportunidade de experimentar a mesma paz que un bo día atoparon en Ribadeo cando aínda eran uns descoñecidos.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Ribadeo, “meca espiritual” do grupo andaluz Bittersweet
comentarios