Ribadavia volve pór a escena galega no panorama internacional coa MIT

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia recupera o contacto da Galiza coa proxección internacional na súa edición deste ano cos espectáculos de Jan Lauwers e Christos Papadopoulos.
2020072418121917846
photo_camera Estampa do espectáculo 'Doña Rosita anotada', na edición de 2020.(Foto: Vanessa Rabade).

O Concello de Ribadavia presentou esta terza feira o programa da XXXVII edición da Mostra Internacional de Teatro (MIT), que decorrerá entre os días 16 e 25 de xullo baixo a lema “A arte marca a diferenza'”.

O certame recupera así o carácter e a proxección internacional da man de mestres da escena como o belga Jan Lauwers e a súa compañía Needcompany ou a presentación do aclamado coreógrafo grego Christos Papadopoulos na súa única cita no Estado español.

Os eixos temáticos desta edición serán o feminismo, a posverdade, a manipulación, a desmitificación do amor romántico e as noticias falsas, nunha edición que quere ser "expresión cultural, económica e turística" apostando polos espectáculos internacionais, pero tamén por destacadas compañías do panorama galego e estatal como Voadora, a Agrupación Señor Serrano ou Atalaya.

Entre as compañías galegas tamén se van programar as propostas de Sarabela Teatro, Redrum Teatro e Caxoto.

Dez días de programación nos que o director, Roberto Pascual, se congratula de que se recuperen espazos "singulares" de exhibición que o ano pasado, por mor da situación sanitaria, estiveron ausentes.

Así, volverán incorporarse as obras na Franqueirán dentro do programa SputMIT, as funcións na Casa da Cultura, na igrexa de Madalena e na Alameda, ademais das do castelo.

En cada un dos espazos, diferentes espectáculos que van desde pezas de danza vertical sobre fachadas até obras de memoria histórica e cultural, representacións de teatro-circo ou contacontos para os máis pequenos.

O programa

A primeira obra será a estrea do espectáculo de Jan Lauwyers, Billy's Violenc o 16 de xullo, que expón unha reflexión sobre a violencia nas dramaturxias de Shakespeare. Pola súa banda, porá o broche de ouro ao certame, o 25 de xullo, o artesán escénico, Manolo Alcántar, coa súa creación de teatro físico Dejá Vu.

Con anterioridade, o 23 de xullo terá lugar unha das datas clave desta edición da MIT. O coreógrafo Christos Papadopoulos, a estrela grega da danza contemporánea, visita por primeira vez Galicia para presentar en Ribadavia Elvedon, unha creación baseada na novela As ondas de Virginia Woolf.

Actividades paralelas

Ademais das distintas representacións teatrais, a MIT manterá os coloquios coas compañías após as funcións e programará actividades paralelas para achegar as artes escénicas ao público.

Entre estas actividades está un taller sobre movemento escénico, dramaturxia visual e coreográfica de man de Amaya Galeote e Noemí Rodríguez ou a presentación do libro Historia de danza contemporánea na Galiza do actual director da revista galega de teatro, Alfonso Becerra.

Comentarios