Cultura

Revivir a catedral románica de Santiago

A recreación do templo no século XIII en 3D naceu do confinamento
Reconstrución da catedral de Santiago no século XIII.
photo_camera Reconstrución da catedral de Santiago no século XIII, por Anxo Miján.

Hai uns días, unhas imaxes da catedral de Santiago no século XIII colleitaban o abraio nas redes sociais. O seu autor é Anxo Miján, deseñador gráfico e modelador, traballo que desenvolve baixo o réxime de autónomo. "Coa chegada do coronavirus deixei de ter encargos, quedei a velas vir", explica a Nós Diario. Daquela decidiu retomar un modelo antigo da catedral románica que elaborara por volta duns oito anos atrás para unha publicación turística e polo que volvera recibir mostras de interese pouco antes da pandemia. Porén, quedou nese limbo da incerteza e non se volveu falar del.

Con todo o tempo que ía pasar na casa, Miján decidiu aproveitar para "ir preparando algo pola miña conta", tamén co gallo de se manter ocupado. Mais cando rematou o traballo non agardaba para nada o impacto e a repercusión que ía coller a través das redes. Moitas persoas felicitábano, mesmo por parte da comunidade académica e investigadora, da que algunhas integrantes lle trasladaron a vontade de utilizar as imaxes. Unha delas, doutor en Harvard e con proxectos arredor da catedral, ofreceríalle a posibilidade de facer algo nun futuro. "Tamén me deu consellos para mellorar a recreación e facela máis acorde aos últimos estudos de como tería sido nesa época", explica Miján. 

Documentarse desde o lar

Unha recreación coma esta implica moito máis que un bo traballo de deseño. Detrás atópase un importante proceso de documentación, que desta volta tivo que realizar por enteiro a través de internet. Para isto, empregou documentos e planos, e incluso outras ferramentas menos convencionais. "Tes que aprender a discriminar tamén o que está ben e o que non, pode haber deseños moi bonitos mais que non teñan rigor", indica. Así, o seu modelo respecta a diferente altura das torres e deixa ver o policromado do Pórtico da Gloria, aínda sen cubrir pola fachada barroca.anxo-mijan-marono-clay-models

Foi precisamente o arco central, que naquela altura daba acceso á obra máis emblemática do Mestre Mateo, a parte máis "arrevesada e laboriosa", pois o único coñecemento que tiña desta peza era a través dunha visita virtual ao Museo da Catetedral. "Durante esta corentena descubrín que a ferramenta de Google Street View che permite entrar dentro", comenta. Foi así como puido, a partir dos restos que se conservan, facerse unha idea máis exacta de como sería este elemento para incorporalo no deseño.

Para alén da investigación histórica que se atopa na cerna dun proxecto destas características, hai un longo proceso de deseño que non se cingue ao modelado en 3D realizado co programa SketchUp. Cómpre aplicar tamén nel texturas e efectos de iluminación que logo hai que renderizar, nun procedemento que permite xerar unha imaxe (neste caso fotorrealista, aínda que podería non selo) a partir do modelo 2D ou 3D, que pode chegar a durar horas. Mais as imaxes que se obteñen aínda non son o resultado final. Para chegar a el, o deseñador aplica unha posprodución con Photoshop, co propósito de acadar "ese efecto máis natural".

Esta non era a primeira vez que Miján traballaba nun proxecto de reconstrución histórica, como parece lóxico imaxinar cun resultado tan logrado. Aínda que se dedica tamén a outros eidos, desde hai algúns anos está máis especializado neste ámbito. Neste senso foi fundamental a súa participación nunha serie de libros da prestixiosa revista National Geographic, na que se recreaban as ruínas das grandes urbes da antigüidade, como Atenas, Roma, Palmira ou Pompeia, "tal como serían na súa época de esplendor".

Este encargo foi moi esixente e levou Miján a reunir un equipo que traballase con el no deseño. Ao tempo, tamén contaba coa asesoría de profesionais da arqueoloxía para cada recreación en concreto. "Era moi gratificante, ademais aprendías unha chea de cousas", explica.

Revivir arqueoloxías perdidas da Galiza

Como froito de toda esta experiencia, agora mesmo Miján está a piques de botar a andar un proxecto propio con outras compañeiras. Segundo adianta a Nós Diario, tratarase de "reconstrucións en 3D de arqueoloxía perdidas na Galiza". Con isto queren "revivir todo ese pasado", desenvolvendo ademais dunha fórmula de divulgación do patrimonio. Aínda que quedou paralizado por mor da COVID-19, agardan que coa relativa volta á normalidade non demore demasiado en ver a luz. 

Comentarios