A revista Oink! xa ten premio nada máis nacer

O número 2 da revista Oink! chega aos quiosques coa noticia do Premio Ourense á Mellor iniciativa no campo da Banda Deseñada da XXV edición das Xornadas de Ourense. O samaín é o tema deste número cun Xabarín nocturno con cabaza iluminada na capa. 

oink2
photo_camera oink2

As XXV Xornadas de Banda Deseñada de Ourense botan a andar festexando o nacemento da revista Oink! á que fixeron merecente do seu premio á Mellor iniciativa no campo da banda deseñada. 

Segundo a organización, a revista e a empresa AGALIP que a promove, merecen o premio “por unha aposta arriscada e esperanzadora, que devolve á cidadanía unha revista para a infancia e a xuventude, unha revista profesional, atraínte e en galego, revertendo así unha situación que parecía inviábel na Galiza actual logo da desaparición da revista Golfiño hai xa máis dunha década”. 

A noticia chega canda o segundo número da publicación, que ten o Samaín como o seu tema central ademais doutros contidos de interese para o público lector máis novo, adubados por unha grande cantidade de páxinas a cadriños que achega ás crianzas á banda deseñada na nosa lingua. 

Dirixida por Marcos Ferreira Sanmamed, a revista ten a Kiko da Silva como responsábel da ilustración, á fronte dun relevante número de profesionais entre os que se atopa ademais de Miguelanxo Prado -autor da imaxe orixinal do Xabarín-, Miguel Robledo, Miguel Porto, Jacobo Fernández, David Pintor, Carlos López, Fran Bueno, Víctor Rivas ou Andrés Meixide. Após a presentación no festival Viñetas desde o Atlántico da Coruña dirixido por Miguelanxo Prado, o premio do certame de Ourense dá conta da recepción da nova publicación no mundo da banda deseñada galega. 

As Xornadas de Ourense conmemoran nesta edición que se prolongará desde o día 3 ao 27 de outubro os seus XXV anos cun programa no que se inclúen exposicións dos premios Benito Losada, da historia do Fanzine das Xornadas e do proxecto Historias de Galiza.

Comentarios