A revista do Xabarín, en perigo, pide axuda

Con catro números na rúa, Oink! a revista do Xabarín Club pide axuda para continuar. Agalip, a empresa editora, decidiu non imprimir o número 5 ate que solucione os problemas de financiamento da publicación. 

Capa do número 0 da Revista 'Oink!'
photo_camera Capa do número 0 da Revista 'Oink!'

Os números non son os agardados e a empresa Agalip, editora de Oink! anuncia a través dun comunicado que o número 5 non chegará aos quioscos no prazo previsto. A decisión foi adoptada despois de recibir os datos de venda do último número e abre unha paréntese da que a saída dependerá da posibilidade de resolver os problemas de liquidez da publicación. “Seguir a imprimir e distribuír a revista poría en risco a existencia da nosa empresa”, sinala Marcos Ferreira, de Agalip, nunha carta feita pública na rede. 

A baixada número a número de vendas e o baixo ingreso por anuncios fan perigar a supervivencia da revista, mais, no entanto, Agalip anuncia tamén que vai botar a andar unha serie de actividades co fin de tentar que a publicación teña continuidade. Unha campaña de crowdfundign buscará subscritores para manter Oink! “con vida ata que as condicións de mercado melloren”, segundo a empresa editora. 

Á busca de micromecenas

En breve anunciarán o sistema de apoio e contan con que as palmas recibidas polo nacemento da revista se convertan agora en resposta a súa chamada para a supervivencia do Xabarín, rara avis nos quiosques nos que se impoñen as publicacións infantís en español vinculadas tamén ás distintas televisións. 

Oink! saíu á a rúa con 56 páxinas e un prezo de capa de 3 euros cada número mensual. 
Miguelanxo Prado, Kiko da Silva, Andrés Meixide, Miguel Porto, Fran Bueno e Marilar Aleixandre, Miguel Robledo, Jacobo Fernández, Kohell, Victor Rivas e Pinto & Chinto son algúns dos nomes que colaboraron na publicación, comandada no ámbito da banda deseñada por Kiko da Silva.

Comentarios