O Revenidas xa ten cartel con especial xeito Bravú

Un especial sotaque Bravú, cando se cumpren vinte anos do movemento, preside o cartel de Revenidas, o festival que ofrecerá 23 actuacións e máis de 20 actividades de balde os días 22, 23 e 24 en Vilaxoán. 

Diplomáticos Monte Alto
photo_camera Diplomáticos Monte Alto

“100% galego” é a presentación do Festival Revenidas que fai público o cartel da súa XI edición, música, cultura e festa para os días 22, 23 e 24 de agosto en Vilaxoán que ten desta volta unha singular enerxía Bravú, con actuacións de Rastreros, Heredeiros da Crus, Diplomáticos de Monte Alto, Ulträqäns ou Pinto d´Herbón, protagonistas do movemento do rock galego que tivo o seu “acto fundacional” nunha taberna chantadina en 1994.  

Heredeiros da Crus, Diplomáticos de Monte Alto, Ulträqäns, Rastreros e os Djs DZ Selectors e DJ Crebinsky iniciarán a sexta feira 22 de agosto un Revenidas con especial forza Bravú, converténdose nun dos escenarios privilexiados para a conmemoración do vinte aniversario da creación do movemento en Chantada. A primeira xornada iniciarase coa intervención gráfica do colectivo Desordes Revenidas nos arredores da Praza de Abastos para, durante á tarde, convidar á presentación do libro “Non temos medo”, a historia dos Diplomáticos de Monte Alto que presentará o seu autor Rodri Suárez canda o líder da banda, Xurxo Souto. A seguir, Pinto d´Herbón achegará ás persoas asistentes aos  “Vinte anos de pemento e regueifa” e será o protagonista dun concerto acústico xunto con Xurxo Souto.

Sardiñada "revenida"

A sardiñada popular, marca do Revenidas, que cada ano xunta por volta de 5000 persoas desenvolverase na mañá do sábado nunha  xornada cun programa especial para todos os públicos con pasarrúas de Os Terribles de Arousa, Fanfarria Taquicardia e Bombo Tambor. O espectáculo de Don Gelati Clow e a Gala do Circo Revenidas en solidariedade co pobo saharaui con Isabel Risco, Dani García Maxia, Isla Letrisca Circo e Malabares e Alas Circo Teatro Aéreos animarán o serán do Revenidas que rematará cunha noite de actuacións con Sés, Terbutalina, Dakidarría, Nao, Noite Fechada, Liviao do Marrao e Brigada A.M Soundsystem.

Peter Punk Circo, a Charanga da Compañía do Ruído para a cativada e as actuacións de Leo e Arremecaghona, Tandub, Borderline 79 e Alpargata completarán o programa da última xornada do festival que ten tamén aberto o prazo de inscrición no II Concurso de Grupos Emerxentes Revenidas.

Comentarios