Revenidas trae por primeira vez a Galiza a Soja, referente mundial do reggae

A banda de Arlington (EUA) actuará este domingo en Vilaxoán, onde incendiará o escenario coa súa proposta na que o reggae ensambla co hip-hop, o rock e sons latinos.

Soja
photo_camera Soja

Soja (Soldiers of Jah Army, verso dun tema de Peter Tosh), un dos principais referentes mundiais do regage, visitará Galiza no que pode ser un dos concertos do ano no noso país. Será no marco das Revenidas, o festival de Vilaxoán que xa hai tempo que gañou a pulso un posto entre as mellores citas musicais de Galiza, e non só.

Soja actuará este domingo 23 a partir das 23:00 horas nun escenario, o das Revenidas, afeito a aturar festa e baile a rachar. Traerán a súa proposta na que o reggae serve para ensamblar sons e actitudes diversas que van desde o hip-hop e o rock até o espíritu do hardcore. Unha oportunidade única para quen se achegue até a vila arousá para gozar dunha das propostas máis innovadoras.

Desde o seu nacemento en Arlington (Virxinia, EUA) en 1997, Soja levan realizando xiras por todo o mundo, converténdose nun dos referentes mundiais do novo reggae. O último dos nove álbumes na súa discografía presentouse en agosto do 2014; Amid The Noise and Haste. Teñen levado numerosos recoñecementos e mesmo foron nominados aos Grammy.

Mais Soja non é o único prato apetitoso deste Revenidas15: De Banda Bassotti a La Raíz, de Heredeiros da Crus a Los Chikos del Maíz, pasando por Nao, Terbutalina, Zoo ou The Mahones, entre moitos outros. E, ademais, circo na rúa, sardiñada...

Comentarios