venres 24/09/21

O Revenidas regresa á axenda adaptado, contará cun cartel “moi poderoso”

O festival decorrerá en Vilaxoán entre o 8 e o 12 de setembro.
Actuación musical, esta segunda feira, durante a presentación desta edición. (Foto: Festival Revenidas)
Actuación musical, esta segunda feira, durante a presentación desta edición. (Foto: Festival Revenidas)

A nova edición do festival Revenidas, chave no verán da Galiza, presentouse esta segunda feira en sociedade cun “cartel moi de Revenidas e moi poderoso”. Entre as propostas musicais destacan Dakidarría, Guadi Galego, Tanxugueiras, Verto, Laura Lamontagne & Picoamperio, Los Chikos del Maíz, Boyanka Kostova ou Mounqup, entre outros. Malia ter que adaptarse á situación derivada da pandemia, a organización logrou tecer unha programación ampla na que haberá música, mais sen renunciar a algunhas das outras actividades que o converteron nunha cita esencial: os itinerarios e os showcooking.

Na presentación desta cita, que decorrerá entre o día 8 e o día 12 en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa), o director da mesma, Xoán Quintáns destacou que “volve coa intención de dar un pouco de pulo ao sector cultural, que é un dos máis afectados pola pandemia, e leva un ano sufrindo restricións e perdas de ingresos”.

Non se poderá contar coa tradicional sardiñada e o público non disporá de zona onde acampar, pero a adaptación á nova realidade desembocou en novas propostas para ter exactamente o mesmo poder de atracción.

“O Revenidas soubo adaptarse pero mantendo a súa esencia. Representa eses bos valores para os que cremos que os festivais son unha boa plataforma para a difusión cultural, a lingua galega, a igualdade ou o coidado do medio ambiente”, incidiu o director de Agadic, Jacobo Sutil.

Na parte musical, segundo Quintáns, a programación vai ser “moi poderosa”, pois tocará o mellor da música galega e algunha oferta de fóra. Ademais da música, Xurxo Souto guiará unha ruta por Vilaxoán, que rematará cun espectáculo de cociña mariñeira en directo. 

Novas propostas para non perder ningún detalle

Tamén continúan os Concertos a Bordo, nos que ademais da músicas de grandes artistas galegas e galegos, haberá obradoiros de cultura mariñeira e visitas a bateas. Xa nos escenarios (Xacobeo 21-22, FestGalicia e Deleite) haberá proxección dos concertos con dúas grandes pantallas. 

Outras novidades serán a creación dun podcast sobre o evento e a emisión en plataformas como Spotify. A isto súmase a organización dun certame de ilustración no que estarán 15 artistas, un por cada grupo do cartel. As láminas sairán á poxa a través das redes sociais e os beneficios irán parar a causas solidarias. As entradas poderán adquirirse na web www.revenidas.com a 20 euros máis gastos.

comentarios