Revenidas fecha esta edición batendo récords

O festival fecha a súa 14ª edición máis exitosa cun impacto económico na zona de Vilaxoán de 1.400.000 euros e a creación de 700 postos de traballo, segundo a organización.

revenidas

O Revenidas realizouse este ano os días 18, 19 e 20 do mes de agosto. Este festival, vencellado ás tradicións da nosa terra, combina espazos de balde e un recinto fechado con dous escenarios. O modelo voltou a triunfar este ano.

As seis sesións de concertos organizadas dentro do festival a cargo de de Najla Shami, Lydia Botana, O Leo Arremecághona, Xurxo Souto e Ugía Pedreira esgotaron todas as súas entradas. Dentro dos concertos da zona de pagamento, os máis aclamados polos festivaleiros e festivaleiras foron os de La Pegatina, Desakato, Riot Propaganda, Skindred, Dakidarría, Terbutalina e Bohemian Betyars.

Outro elemento indispensábel do Revenidas é a tradicional sardiñada popular que bateu récords ao convocar 7.000 asistentes que deron conta dos 1.000 quilos de sardiñas que se cociñaron.

O impacto económico na zona de Vilaxoán foi enorme, segundo a organización. O incremento da afluencia foi considerábel nesta edición o que provocou que os caixeiros quedasen sen diñeiro dispoñíbel en varias ocasións, que os hoteis da contorna estivesen cheos e que os bares se topasen ateigados. Xuntáronse máis de 1.100 tendas de campaña e houbo que habilitar novas zonas de acampada.

Esta actividade viuse reflexada nun impacto económico de 1.400.000 euros na zona, de acordo coas estimacións da organización. Durante estes días teríanse xerado, ademais, 700 postos de traballo, 200 directos e 500 indirectos.

Comentarios