Entrevista

Lourenzo Fernández: "Reunimos o que as militantes gardan na casa"

O fondo Doame da USC reúne documentación do movemento estudantil compostelán
presentacion DOAME 03
photo_camera Desde a esquerda a dereita, Lourenzo Fernández Prieto, Antonio López e Désirée Domínguez.

Cartaces, pasquíns, recortes de prensa, notas... Son a face máis persoal que fica dese movemento estudantil que fixo vibrar as rúas no pasado. O grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración co Arquivo Histórico, promove a construción do fondo "Documentación da Oposición Antifranquista e Movemento Estudantil" (Doame), que recolle, cataloga e conserva os materiais xerados polo estudantado durante o período 1960-2000. Lourenzo Fernández Prieto, promotor da iniciativa, explícaa polo miúdo a Nós Diario.

Como xurdiu a iniciativa de constituír o fondo Doame?

A idea ten que ver co noso traballo, coa necesidade de ter fontes para facer a historia. A raíz de facer algúns traballos de fin de grao ou mestrado con temática de oposición política ao franquismo ou movemento obreiro, decatámonos de que case non había fondos documentais. Por exemplo, Ricardo Gurriarán traballou na súa tese sobre a represión da universidade na época da República ou no 68. Curiosamente, eu era consciente, tamén por biografía persoal, de que sobre os Comités Abertos de Facultade (CAF) e a súa construción non había ningún fondo. Cando mandaba algunha estudante a recompilar información para facer traballos sobre Estudantes Revolucionaris Galegos, o movemento estudantil nos anos 70 ou nos 80, era difícil atopar. Había que andar detrás dos amigos ou pasarlles cousas que eu tiña. Así que chegamos á conclusión de que era o momento de construír un fondo documental potente, pois a experiencia dinos que toda esa documentación privada, se non se acumula nun arquivo público, acábase perdendo, como estabamos constatando. O tempo pasa e a xente vai tirando moitas cousas.

Que materiais o compoñen?

Son dúas cousas distintas: documentación da oposición antifranquista, en xeral, e do movemento estudantil. En certo modo moitas veces confúndense, porque nalgúns sectores, sobre todo durante os 70 e algo nos 80, gran parte dos partidos tiña un núcleo fundamental que non era sindical senón universitario. Tiñan pouca penetración do territorio, mais estaban moi asentados en Santiago. Ese é un pouco o mundo que queremos recoller, sen competir tampouco con outras coleccións. Os sindicatos están a facer moi bo traballo con documentación deles propios, ou o profesor Xusto Beramendi leva anos reunindo fondos de partidos (Unidade Galega, Partido Socialista Galego, Partido Obreiro Galego...) no Museo do Pobo Galego. Porén, faltaba xustamente o tipo de fondos que as persoas militantes  teñen na súa casa. Fotografías, recortes de prensa, notas de reunións, pasquíns... 

Foi un traballo dependente da colaboración cidadá.

Si, por iso se chama Doame. É  unha chamada a que a xente que ten esa documentación faga precisamente iso, que a doe. Non podemos seguir perdendo os nosos fondos, temos que telos nun arquivo público, ben xestionado.  O que queremos é construír unha riqueza, que logo poida empregar calquera: estudantes, xornalistas, curiosas... Por iso, interésanos que saiba todo o mundo que estamos na procura de doazóns. Non son para nós. En Histagra recollémolas e mandámolas a ese Arquivo Universitario magnífico, formado por profesionais, onde se protocolizan e se inventarían. Logo, a idea é que cada fondo leve o nome da persoa que o entrega. É o único recoñecemento que lles podemos facer. En Princeton págano, pero aquí tristemente non aspiramos a iso.

Houbo algunha doazón que chamase a atención?

Si, claro. Chegounos, por exemplo, unha colección preciosa de recortes de prensa, que fixo unha militante dos CAF, e que gardaba na súa casa. "Ía tiralos, pero sempre me daba rabia", dixo. Que valor ten iso? Pois é a ollada interna dunha persoa que constrúe un fondo documental de seu. Iso, aínda que xa se atope na prensa, ten un punto de vista propio que permite contemplar que era o importante para ela. Logo temos moita documentación de notas de reunións e asembleas. Nas actas só se recolle o que se quere concluír, mais os debates políticos están por debaixo.

Unha visión máis subxectiva da historia, non?

Tamén, efectivamente, para contrastar con esoutra visión aparentemente máis obxectiva. 

Comentarios