O retrato para o que Rosalía posou xa pendura na súa casa

Rosalía posou en varias ocasións en Lestrobe para que o seu amigo Brocos fixera un retrato que había de rematar despois da morte da escritora. Agora o óleo pendúrase na Casa-Museo de Padrón, cedido pola Deputación d Coruña canda moblaxe da familia e cinco cadros de Ovidio Murguía. 

Oleo de Brocos
photo_camera Oleo de Brocos

A Casa Museo da Matanza expuña un óleo de Rosalía sobrecolledor. Tratábase do retrato da escritora morta, pintado polo seu fillo Ovidio Murguía. Era imposíbel non sentir estarrecemento diante do rostro da escritora inerte e o corpo amortallado retratado polo propio fillo. Agora, a que foi casa dunha familia á que a traxedia había deixar sen descendencia, acolle o que está considerado o único retrato en óleo para o que Rosalía posou en vida, malia o seu autor, o amigo Brocos, tivera que rematalo xa despois da temperá morte da poeta. 

O retrato de Modesto Brocos, canda dúas butacas e un sofá que amoblaron a última residencia na Coruña da familia e cinco cadros de Ovidio Murguía forman parte agora do inventario da Casa Museo de Padrón, por cesión en depósito da Deputación da Coruña, expostas até agora no Pazo de Mariñán. 

Regreso á súa casa

Supón “o regreso de Rosalía á súa casa”, sinalou o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira, destacando en especial a historia que garda o propio óleo de Modesto Brocos, que visitou en varias ocasións a Rosalía en 1880 nas Torres de Hermida de Lestrobe onde residía para pintar á poeta como unha das grandes figuras da cultura do seu tempo. Á morte da escritora, o cadro continuaba sen se rematar e o propio Brocos dirixiuse en carta desde Italia a Murguía para, alén de lle dar o pésame, solicitarlle que ninguén rematase unha obra á que el mesmo quería darlle a pincelada final. 

Gala, a última filla de Rosalía en morrer, gardou o cadro no domicilio familiar, nun cuarto privado pouco visitado por que non pertencía o pequeno círculo próximo. Da residencia da rúa San Agostiño da Coruña proceden tamén o sofá de tres prazas e as dúas butacas que forman parte xa da moblaxe expositivo da Fundación Rosalía de Castro. Cinco óleos de Ovidio Murguía, catro dedicados ás estacións do ano e un chamado “Muller lavando” pasaron tamén do Pazo de Mariñán á Matanza.

 

Comentarios