Cultura

Os retos da artesanía após a pandemia ao descuberto nos Diálogos Confinados

Elena Ferro e Idoia Cuesta conversan sobre o sector, para o que consideran fundamental unha web de venda online de Artesanía de Galicia.
elena ferro
photo_camera Elena Ferro

Elena Ferro e Idoia Cuesta, ambas Premio Nacional de Artesanía e renovadoras do sector desde o rural –a primeira dos zocos e a segunda dos cestos– conversaron moderadas por Rebeca Blanco-Rotea na última edición do ciclo "Dialogos Confinados", organizado polo Consello da Cultura Galega para analizar as diferentes realidades do tecido cultural galego.

O inicio do confinamento supuxo para Cuesta e Ferro unha baixada nas vendas, a reorganización do stock, unha paralización da produción e a necesidade de buscar novas formas de se achegaren á clientela directa. Segundo Ferro, zoqueira e cabeza visíbel da empresa Eferro, "levamos sen feiras desde marzo, paralizouse a venda e estamos a un 20 ou 25% dos nosos ingresos habituais".

Se ben ela é máis forte a través da venda online, o modelo de negocio de Cuesta aséntase na diversificación. "A nosa empresa apóiase en varias patas: produción, formación, workshop, traballar tamén para outras firmas, visitas turísticas aos obradoiros... [...] Cando falla unha ou outra, quedan recursos para poder manternos nun momento en que a facturación caeu en picado e estes tres meses houbo un gran baleiro", explica.

Proximidade e venda online

As dúas recoñecen grandes diferenzas a respecto da crise de 2008. Daquela estaban nun momento empresarial ben diferente e haberá que agardar a ver como evoluciona o sector. Con todo, admiten que notaron a aposta no consumo local e de proximidade, aínda que consideran que é cedo para saber como lles afectará a recesión. Neste intre a principal canle de comercio pasa por internet e as dúas pensan que sería de grande utilidade unha páxina de venda online de Artesanía de Galicia. Elena Ferro conta cun posicionamento moi activo en redes sociais, e considera que iso a favoreceu. "Non é só vender, é que tamén que se divirta e nós buscabamos non unha venda agresiva, senón que a xente se interese polo que fas e por como o fas", asegura.

A necesidade de autenticidade e a ollada rural permite entender a aposta na artesanía que debe ser entendida como un modelo de negocio a longo prazo. Ese traballo devagar pero sólido é o principal consello que estas creadoras, xa convertidas en referentes internacionais, lle ofrecen á mocidade.

Comentarios