Xurxo Souto, sobre o acordeón roubado: "Leváronmo da maleta do coche e deixáronme un paraugas"

“Alguén que non coñezo levou este acordeón. O meu queridísimo Casragnari, pequeno, en sol, sen a tapa que cobre as voces da melodía”. Así advertía o músico e profesor Xurxo Souto o roubo do seu acordeón, un instrumento ao que profesa “un inmenso cariño”.

Xurxo Souto, co seu acordeón (Imaxe: Cedida).
photo_camera Xurxo Souto, co seu acordeón (Imaxe: Cedida).

“Non sei se pode haber algo máis feo nesta vida que roubarlle o acordeón a Xurxo Souto”, preguntábase o profesor e divulgador Manuel Gago. “Quen pode ser tan ruín para roubarlle o acordeón a Xurxo Souto?”, salienta o cineasta Alfonso Pato.

“Devolvede o Castagnari, por favor! Non é un acordeón, é unha máquina de facer medrar o país e levar felicidade a quen o escoita, mais non vos enganedes, é máxico e non vai funcionar noutras mans que non sexan as de Xurxo”, advirte a artista Viki Ribadulla... son ducias as reaccións de destacados nomes da cultura que se solidarizan con Xurxo Souto, a quen roubaron o seu acordeón.

Aconteceu no barrio coruñés do Ventorrillo, a pasada segunda feira, e subtraéronllo do seu coche. “Non ten moito valor pero téñolle un cariño inmenso”, escribía o propio músico nas súas redes sociais. “Por favor, se o vedes, avisádeme e dicídelle que mo devolva -non son unha persoa rancorosa- a quen mo levou”, exhortaba Xurxo Souto.

"Foi unha pequena casualidade, tíñao no coche, na maleta, parei un momentiño e deixei a porta aberta, alguén mo levou, e foi un despiste porque deixou un paraugas", explica, en conversa con Nós Diario. "Que mo devolva no barrio, que alí coñecémonos todos, e eu doulle o seu paraugas, así ficamos todos contentos", di.

O Castagnari do músico é o suficientemente recoñecíbel para que non pase desapercibido, pois é o único destas características -sen a tapa que cobre as notas da melodía- na contorna da Coruña. O acordeón é diatónico, "moi humilde", mais "un compañeiro sentimental moi importante para min". Leva con Xurxo Souto máis de 20 anos, após comprarllo a Manuel Cociña, de Perlío, "a quen eu chamo o 'doutor do acordeón', porque é un sabio que navegou todos os mares do mundo, e a xente da terra somos o centro do mar con música do acordeón", engade.

Xurxo Souto atópase "sorprendidísimo" polo "tsunami de cariño que estou a recibir estes días", "emocióname sentir tanto cariño da rede de amizades grandes que teño, e isto, máis unha vez, demostra a nosa condición de pobo de artistas".

Amósase seguro de que aparecerá e promete "unha festa moi bonita" cando recupere o seu instrumento.

Comentarios