Retiran o ‘banco panorámico’ instalado riba dun petróglifo

“Veu Patrimonio arranxar a desfeita”, sinalan desde o BNG de Noia.

petróglifo
photo_camera O petróglifo ficou esta segunda feira 'libre' de banco panorámico.

Menos dunha semana despois de que o Colectivo A Rula denunciase a instalación dun banco “panorámico” enriba dunha rocha cun petróglifo no monte de San Lois, Noia, esta instalación desapareceu. A visita de persoal de Patrimonio puxo fin á “desfeita”, moi criticada por veciñanza, grupos de conservación do patrimonio e grupos da oposición, e que motivou unha vaga de queixas e protestas nas redes sociais.

O ‘banco panorámico’ chantado riba dun petróglifo no Monte de San Lois (Noia) motivou a presentación dun rogo por parte do BNG noiés ao Goberno local no que preguntaba se para esa actuación contaron con autorización de Dirección Xeral de Patrimonio. A visita de persoal de Patrimonio ao lugar desembocou na retirada do 'banco panorámico'. 

Segundo denunciara A Rula, “o Concello decidiu limpar a zona e literalmente ‘chantar’ un banco nunha rocha no chan”, situándoo, “lamentabelmente”, “xusto enriba dunha pía natural nun afloramento que conserva uns gravados”. Alén deste, instalouse outro banco mirando cara á boca da Ría. Na parte traseira levan o lema Todo o que ves é teu. Cóidao.

O gravado, que non se coñecía ata o descubrimento realizado polo colectivo, convertiríase “no primeiro petróglifo coñecido do Concello de Noia, xa que, ata o de agora, a mostra de arte rupestre prehistórica coñecida situada máis perto da vila de Noia era o petróglifo da Picota, nas inmediacións da poboación de Portosín, xa no termo municipal de Porto do Son”.

Comentarios