CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Resurrection Fest: os imprescindíbeis da sexta 7 de xullo

En poucas semanas chega unha nova edición do Resurrection Fest, que se converteu nun dos mellores festivais a nivel europeo de rock, metal e punk. A cita deste ano voltará a encher Viveiro de metalheads chegados de todos os puntos de Europa, para desfrutar de catro días nos que pasaran 100 bandas distribuídas polos catro escenarios cos que este ano contará o festival. Con tal cantidade de bandas, agás na  warm up party, é imposíbel non ter que elixir entre ver unhas e outras, así que, se tes algunha dúbida, estes son para min os imprescindíbeis que non deberías perderte.

A sexta 7 de xullo é para moitos o día grande do festival. A presenza de Rammstein, que darán en Viveiro o seu único concerto en toda a península, é un dos máis grandes atractivos deste ano. A banda xermana trae o espectáculo completo e unha montaxe que require un escenario maior do que o que precisou Iron Maiden  na edición do 2016. Ademais do lume de Rammstein que invadirá Viveiro, e que xa só por eles mesmos xa habería escusa para ir, no cartaz deste día, sen ter tantos nomes propios como os outros días, atopamos  bandas que sen ser tan coñecidas non deberías perderte.

VIDEO – RAMMSTEIN – SONNE https://youtu.be/IjGNTqAW58E

Annihilator é unha desas bandas que esculpiu o seu nome nas rochas da historia do trash e do speed metal xa co seu primeiro álbum Alice in Hell, que editaran alá polo 1989. Dende entón estes canadianos sufriron varios cambios de formación, e só queda Jeff Waters como membro orixinal, mais continuaron levando o seu metal agresivo por todo o mundo. En xaneiro deste ano editaronTriple Threat, un traballo que inclúe unha revisión en acústico dos clásicos da banda e mais un concerto gravado en directo no festival Bang Your Head!  no pasado ano. 

Architects é unha banda británica de metalcore que teño especial interese en ver. O seu último disco até a data, All Our Gods Have Abandoned Us, sorprendeume pola súa escuridade, forza e calidade. Podería dicir que xunto co Hollow Crow,  é o mellor traballo da banda. Ademáis, como atractivo engadido, trean como guitarra solista a Sean Dealander, a quen xa puidemos ver o ano pasado coa súa banda Thy Art Ist Murder.

Napalm Death non precisa de presentación algunha. Estes británicos son os reis indiscutíbeis do Grindcore  e Barney, unha das voces cos graves máis poderosos. Se ben o ano pasado se editou uns grandes éxitos da banda, o seu último traballo é Apex Predator – Easy Meat¸ do 2015, que tivo moi boa acollida,

Warbringer editou o pasado mes de marzo o seu novo traballo Woe to the Vanquished  e que conta coa volta do seu guitarrista Adam Carrol. Se ben este traballo non é o mellor da banda, a súa proposta de trash metal clásico oitenteiro  convértenos nuns dos imprescindíbeis a falta de Exodus ou Testament no festival.

Os portugueses Holocausto Caníbal  son a banda lusa máis importante de metal extremo. Cunha clara influencia de Carcass, móvense entre o Goregrind  e o Grindcore  e cantando en portugués, foron quen facerse un nome a nivel internacional. O seu último traballo até o momento é do 2014 e foi lanzado baixo o nome de Larvas.

punk desta xornada estará protagonizada por Terror, que sacaron en abril deste ano The Walls Will Fall,  un EP que contiña 5 trallazos de puro hardcore, co que ademais estreaban discográfica. 

Tamén en abril editaron novo traballo Deez Nuts, unha banda australiana de rapcore. Bing and Purgatory, nome do seu último traballo, segue na liña dos 4 anteriores álbumes, nos que a banda mestura o rapcore co hardcore. Unha proposta que mantén os eleméntos clásicos do xénero cun directo moi intenso. 

O máis grato descubrimento é o de Crim,  unha banda de punk rock de Tarragona que descoñecía até o momento e que me lembrou moito Cock Sparrer. O seu último traballo Balu Sang, Vermell Cel, editado o ano pasado enganchoume totalmente. Veremos que tal o defenden en directo.

Wisdom in Chains é unha desas bandas que nunca crin que podiera ver en directo e que foi unha moi grata nova cando os vin na listaxe de bandas. O seu hardcore melódico con toques de punk rock  e Oi! convértenos nunha das bandas máis apetecíbeis do xénero. The God Rhythm, o seu último traballo até a data de hoxe xunto con Die Young, é o mellor traballo da banda. 

Animals as Leaders é probabelmente a última banda que agardaría atopar no festival. Se ben Reflux, a banda anterior de Tosin,  líder e guitarrista da banda, tiña un estilo máis metalcore. Mais a súa banda actual tira máis cara a un eclecticismo progresivo con aires jazz fusión  e ao rock instrumental. Iso si, unha banda cunha calidade excelente e que será un sopro de aire novo para este día.

Este segundo día conta co prato forte de Rammstein mais, lonxe do que se pode pensar, a cousa non remata aquí e o día 8 estará cheo de grandes bandas, das que falaremos a sexta feira que vén.

RESURRECTION FEST NAS REDES

WEB: http://www.resurrectionfest.es/

FACEBOOK: https://www.facebook.com/resurrectionfest/

TWITTER: @ResurrectionESP

Comentarios