O Resurrection Fest bate todas as súas marcas e vende 9 mil abonos en apenas hora e media

O Resurrection non toca teito. En hora e media, esta segunda feira esgotou a segunda oferta de abonos para a edición correspondente a 2019. Un total de 9 mil. Récord histórico nos 14 anos de existencia do festival. Significa iso que no próximo verán Viveiro deixará atrás a marca de 80.000 visitantes? É perfectamente posíbel.

Resurrection_Fest_2013_-_Trivium
photo_camera Un aspecto do festival

A organización informou através das súas redes sociais que esta segunda feira en apenas 90 minutos se esgotara a segunda oferta de abonos para o Resurrection-2019. 

O éxito da convocatoria leva a dirección do festival a tomar a decisión de "manter o prezo da terceira oferta [de abonos] até o próximo anuncio de bandas".

O Resurrection-2019 vai ter lugar entre o 3 e o 6 de xullo e as bandas que xa teñen confirmada a súa presenza son Parkway Drive, TriviumTestament, Kvelertak e While She Sleeps.

Este verán o Resurrection Fest, cita ineludíbel xa no calendario internacional da música metal, reuniu por volta de 100 combos en catro escenarios. A cifra pode ficar pequena en 2019.

Comentarios