O Resurrection Fest abre unha edición "online" que recupera a historia do evento

O Resurrection Fest abre desde esta sexta feira e durante esta fin de semana a súa versión online nunha edición virtual e reducida a 12 horas de programación en streaming onde se repasará a historia da cita viveirense a través de concertos, documentais e entrevistas. As sesións, que comezarán ás 21 horas e que se repartirán entre a sexta feira e o sábado, poderán seguirse a través de Facebook e Youtube.
 
Imaxen de arquivo do Resurrection Fest.
photo_camera Foto de arquivo dunha actuación do Resurrection Fest

"Nun ano catastrófico, non podiamos estar sen ofrecer algo á xente que nos apoia. Non sería responsábel pola nosa banda pasar 24 meses sen ofrecer algo á xente que nos segue mes a mes", sinalou onte un dos responsábeis da cita online, Esteban Girón, en declaracións a Europa Press.

Para el, "as dificultades están no ADN do festival, porque a primeira edición suspendeuse". O mesmo ocorreu, aínda que por diferentes motivos, con esta XV edición, que vendeu nun día todas as entradas  e que "parecía que ía ser a mellor na historia do  Resurrection".

"Chegou unha pandemia mundial e levou por terra o traballo deste ano e os froitos de todo o esforzo acumulado", lamenta o tamén guitarrista de  Toundra.

Girón recibiu en marzo a encarga por parte do director de Bring The Noise, Iván Méndez, que se perfilou ao longo do confinamento. "Vai haber actuacións de grandes artistas, entrevistas, algunhas delas inéditas e outras que fixemos durante estes anos, extractos dos mellores concertos do festival e outros que gravaron bandas desde estudos...", adianta o organizador.

Entre as entrevistas inéditas cóntanse unha a Trivium e outra a Parkway Drive, mentres que Angelus Apatrida foi unha das bandas que gravou para este festival virtual. O programa tamén inclúe un documental da TVE, gravado en 2019, outro de Parkway Drive e un terceiro feito polo xornalista Jon Sistiaga.

O documental do Resurrection Fest afronta os maiores fitos desde o nacemento deste encontro, da man duns mozos que o montaron para levar a Viveiro a súa banda favorita, Sick Of It All.

Entre os nomes que pasaron polo festival ao longo dos anos destacan tamén as de Slipknot, Parkway Drive, Slayer, Kiss, Scorpions, Rancid, Bad Religion ou NOFX. Así, o fío narrativo é a historia desde 2006 até 2020, "un traballo bonito nun momento de desesperanza e de incerteza total", indica Girón. 

A iniciativa terá, ademais, unha parte solidaria, xa que a recadación dos packs de camisetas e pulseiras irá dirixida á Cruz Vermella e destinada ás persoas afectadas pola Covid-19, xunto cunha campaña de doazóns.

Comentarios