Adeus ao 'Resurrection', tamén en 2021

O festival adíase até 29 de xuño ao 2 de xullo de 2022
Imaxen de arquivo do Resurrection Fest.
photo_camera Imaxen de arquivo do Resurrection Fest

O Resurrection Fest Estrella Galicia decidiu adiar a súa edición deste ano a 2022 ante a situación actual pola pandemia do coronavirus, do mesmo modo que ocorreu en 2020 coa suspensión do festival.

Así, a 15ª edición do Resurrection Fest realizarase do 29 de xuño ao 2 de xullo de 2022, na fin de semana habitual dos últimos anos.

"Afortunadamente, cremos que esta será a definitiva, xa que por fin vese a luz ao final do túnel grazas á vacinación masiva e esperamos que nos próximos meses volvamos á normalidade", valora a organización nun comunicado.

Sobre o cartaz de 2022, avanza que será "moi bo", no que se manterán "moitísimas" bandas e haberá "novas sorpresas". "Será un dos mellores carteis que xamais tivemos, e esperamos anuncialo proximamente". A organización lamenta que a suspensión do festival durante dous anos producira "perdas millonarias e de moitos postos de traballo", case 4.000 entre directos e indirectos, afirma. 

Devolución de entradas

Igualmente, todas as entradas para o festival (abonos,  Resucamp, viaxes) serán válidas o ano que vén sen necesidade de facer nada.

Así, o festival chama a que se garden as entradas para poder "seguir adiante con forza e facer a edición máis épica" da súa historia. Agradece que o ano pasado as devolucións fosen "mínimas".

Dado que as entradas están esgotadas, o festival explica que habilitará proximamente unha plataforma para  revender eticamente e de maneira segura os pases a algún amigo ou familiar, ademais de poder tramitar a devolución da entrada sen problema. "Vémonos en Viveiro!", conclúe a organización.

Comentarios