Cinema

'Restos do vento', premio á mellor película do Ourense Film Festival

O xurado destacou a curtametraxe 'Sauerdogs'.
Fotograma de 'Restos do vento', mellor longametraxe do OUFF. (Fonte: IMDb)
photo_camera Fotograma de 'Restos do vento', mellor longametraxe do OUFF. (Fonte: IMDb)

A longametraxe Restos do vento, do cineasta portugués Tiago Guedes, obtivo o premio Calpurnia á mellor película da 27 edición do Ourense Film Festival (OUFF).

O xurado da Sección Oficial de Longametraxes, composto por Alfonso Zarauza, Marta Villar, Belén Macías, Frank Spano e David Bonneville, destacou o "sobrio e asombroso poderío visual e narrativo que logra con audacia facer unha película de sorprendente e misteriosa forza fílmica".

O premio á Mellor Dirección recaeu no cineasta Radivoje Andric, director de How I learned to fly, pola súa "excelente capacidade para trasladarnos dunha maneira filmicamente ousada e maxistral ao mundo dunha moza adolescente do arrabalde de Orihuela, inmersa en toda unha contorna de andrómena e de lendas fantasmagóricas expresadas a través do medo ás riadas", subliñou o xurado.

O resto do palmarés completouse da seguinte maneira: A auga, de Elena López Riera, obtivo o premio especial do xurado; Tori et Loki, de Jean-Pierre e Luc Dardenne, o premio a Mellor Guion; e Arawinda Kirana, actriz de You, obtivo o galardón á Mellor Interpretación.

Sauerdogs, mellor curta

En canto á sección OUFF en Curto, o xurado formado por Noemí Chandada, Laura Doval e Lidia Veiga outorgou o premio á Mellor Curtametraxe de Ficción a Sauerdogs, de Guillermo de Oliveira, do que valoraron que combinase "un excelente traballo en todas as súas áreas técnicas" e lograse "achegarse e conmover o público".

Ademais, o xurado concedeu unha mención especial a Así virá a noite, de Ángel Santos, que tamén obtivo o premio Aisge á Mellor Actriz pola interpretación da artista Violeta Gil.

O que queda, de Alejandro Rodríguez, conseguiu  o premio á Mellor Curtametraxe Documental. Unha categoría na que Anatomía dunha serea, de Adriana Páramo, logrou unha mención especial. Por último, o premio Aisge ao Mellor Actor recaeu no interprete Sergio Baleirón, da curtametraxe Rompente.

Comentarios