Residencias para refexionar desde a arte sobre as relacións entre Galiza e México

Catro mulleres artistas desenvolverán as súas obras para "reflexionar" sobre as relacións intercontinentais.
Instalación fotográfica de Carme Nogueira, unha das artistas que participan na residencia, na fachada do Espazo Anexo, MARCO, Vigo.
photo_camera Instalación fotográfica de Carme Nogueira, unha das artistas que participan na residencia, na fachada do Espazo Anexo, MARCO, Vigo.

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura convértese en 2021 nunha das sedes das Residencias Charco, unha iniciativa de intercambio artístico que busca profundar na conexión cultural con Latinoamérica, en concreto, entre México e Galiza.

Así, tal e como explicou a Consellaría de Cultura, Educación e Universidade nun comunicado, entre o 1 de xullo e o 6 de outubro, dúas artistas mexicanas e outras dúas galegas "conectarán creativamente as dúas beiras do Atlántico" mediante catro propostas artísticas entre Galiza e México.

Esta experiencia intégrase no Programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA), "un viveiro cultural e creativo que pon os espazos,
recursos e equipos técnicos da Cidade da Cultura ao servizo de proxectos vinculados á música, a escena, a danza e as artes performativas, a literatura e as artes visuais".

As creacións das artistas galegas, pola súa banda, tamén serán exhibidas en diversas institucións de México.

Catro mulleres artistas

A quinta edición do programa Charco de residencias apóiase nun proxecto curatorial de Susana González, coordinadora do programa e fundadora de Consultarche, "que pivota sobre o concepto de tránsito coa idea de afondar na conexión entre territorios e no vínculo
histórico migratorio, para así propiciar un contexto estimulante cara á creación visual".

Con este obxectivo convídase a catro artistas mulleres a reflexionar sobre as relacións intercontinentais. Así, Mariana Castelo Deball (Cidade de México, 1975), Julia Huete (Ourense, 1990), Fritzia Irizar (Culiacán, México, 1977) e Carme Nogueira (Vigo, 1970) son as
creadoras seleccionadas para participar nesta edición do programa.

As obras resultantes da estancia artística das creadoras na Galiza serán expostas na Cidade da Cultura como paso previo á súa itinerancia por diversas institucións do Estado. As creacións das artistas galegas, pola súa banda, tamén serán exhibidas en diversas institucións de México.

Comentarios