OS DATOS DO INE REVELAN CAÍDAS EN TODOS OS INDICADORES

O 'decenio Feixoo', fatídico para as bibliotecas

O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de facer pública a súa estatística sobre bibliotecas e a Xunta da Galiza non sae ben parada, pois as cifras destapan grandes caídas de máis de 50% en número de bibliotecas, usuarias, investimentos ou adquisicións de libros. Sindicatos como CIG ou a Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais da Galiza veñen denunciando desde hai anos a situación que padece o sector.
(Xunta)
Fotos Xunta. Exposición Biblioteca De Galicia.

  (Foto de ARCHIVO)

4/23/2019
photo_camera En 2019 a Xunta financiou unha gran mostra no Gaiás co gallo do Día do Libro, á vez que non facilitou a tempo as achegas para conmemorar a efemeride nas bibliotecas (Xunta de Galiza)

As bibliotecas esmorecen na Galiza. Os indicadores que o Instituto Nacional de Estatística (INE) fai públicos cada dous anos revelan que na década transcorrida entre 2008 -último ano de Goberno bipartito en San Caetano do que se teñen datos- e 2018 produciuse unha degradación total no sector.

O número de bibliotecas no país pasou de 550 a 476, o que supón un descenso de 13,45%, un dato que chega a palidecer en comparación co dos investimentos nas bibliotecas, que baixou dos 5.556.859 millóns de euros de 2008 aos 2.423.248 en 2018, unha caída de 56,39%.

Nesta liña, a cantidade investida na adquisición de volumes para as bibliotecas tamén se viu sensibelmente recortada, en concreto 15,99%, ao descender até os 11.060.714 euros de 2018 desde os 13.165.256 de 2008.

Mais sería inxusto responsabilizar deste desleixo exclusivamente a Administración autonómica, pois se ben é certo que no decenio 2008-2018 a Xunta de Galiza pechou 7,84% das bibliotecas da súa titularidade -pasando de 64 a 59-, o Estado español máis que triplica esa porcentaxe, clausurando o 25% da súa rede de bibliotecas no país.

Este deixamento coa cultura non é exclusivo dos poderes públicos, xa que as bibliotecas privadas foron eliminadas en similar proporción, pasando de 117 a 92 entre 2008 e 2018 en toda Galiza.

Denuncias das profesionais

As profesionais das bibliotecas tamén se viron perxudicadas polo peche e o abandono administrativo. Así, o sector pasou de empregar 1.311 persoas a 1.221, un descenso de 6,86% que pode parecer pequeno, mais oculta unha precarización que veñen denunciando desde sindicatos como a CIG ou organizacións como a Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais de Galiza.

Os investimentos nas bibliotecas baixaron 56,39% entre 2008 e 2018

O seu vicepresidente, Xosé Luís Arte, denuncia que desde a Xunta "non se contrata persoal especializado", algo que encaixa cos datos achegados polos indicadores do INE, que apuntan a un descenso de 35,05% nese tipo de traballadoras.

"O que fan é contratar xente sen a titulación, que non está especializada, e póñenlle a categoría profesional de auxiliar administrativo no contrato para que así teñan salarios baixos, mais as tarefas que desenvolven son técnicas e con responsabilidade, como compra de material ou catalogacións", engade Xosé Luís Arte.

Achegas "tarde, mal e arrastro"

Desde a Asociación Profesional de Bibliotecarios Municipais da Galiza tamén critican que desde a Xunta de Galiza do PP se modificase o sistema de achegas estabelecido polo Goberno do bipartito.

"Daquela tiñamos unhas axudas para adquisición de libros que se repartían de forma directa, mais despois a Xunta modificou o sistema e as bibliotecas pasamos a estar incluídas nun caixón de xastre denominado 'actividades culturais', o que se traduciu en que, por exemplo, no caso da biblioteca na que traballo eu pasásemos de recibir  19.000 euros a 8.000, menos da metade", explica o vicepresidente da asociación.

As actividades que se desenvolven nas bibliotecas son as outras grandes prexudicadas polo sistema de achegas da Xunta de Galiza, segundo explican as profesionais das bibliotecas, que din que chegan "tarde mal e arrastro". "Este 2019 quedamos sen facer practicamente nada polo Día do Libro e o Día das Letras Galegas porque a convocatoria das achegas saíu moi tarde", censuran.

As consecuencias directas desta política xa se poden sentir, en primeiro lugar, no crecente desapego da sociedade coas bibliotecas, como demostra o feito de que o número de visitas ás salas baixou case 25% neste decenio.

Xosé Luís Arte culpa dese dato á falta de investimentos: "Unha biblioteca ben equipada atrae a xente, pero unha biblioteca que non ten equipación suficiente provoca o efecto contrario, fai que a xente fuxa dela. E que fai a Administración cando non vai xente ás bibliotecas? Pechalas. Iso é o que está pasando aquí".

Eses peches están focalizados, ademais, no mundo rural -con especial fincapé nas localidades de menos de 5.000 habitantes, non obrigadas a dispor dunha biblioteca pola Lei 7/85 das bases do réxime local-, afondando así nas dificultades que parte desa poboación se atopa no acceso á cultura.

Comentarios