Os Resentidos regresan á escena do rock con 'Organización Nautilus'

Volven Os Resentidos e retornan á escena cunha ducia de temas que forman ‘Organización Nautilus’. A banda presentou o traballo acompañada do titular de Cultura da Xunta, Román Rodríguez, e de Antón Romero, artista de 14 anos con Trastorno do Espectro Autista, que achega as súas ilustracións ao disco.
resentidos
photo_camera Pola esquerda, Xabier Soto, Antón Reixa e Anxo Graña. (Foto: Nós Diario)

Case 40 anos despois da creación d’Os Resentidos, a banda viguesa volve ao rock con Organización Nautilus, un traballo discográfico composto por 12 novos temas, que na xornada de onte se presentaba en Compostela na compaña do titular de Cultura da Xunta, Román Rodríguez, quen afirmaba “somos tremendamente afortunados por poder contar cun referente cultural como Antón Reixa”.

O escritor, produtor e músico Antón Reixa é, para Román Rodríguez, “un verdadeiro home do renacemento que sempre foi capaz de reinventarse apostando pola vangarda e a modernidade”. Reixa explica que nos últimos tempos Os Resentidos se constituíron como unha nova banda, integrada por tres dos fundadores e novas incorporacións que permitiron que xurdise esta ducia de cancións que compón Organización Nautilus.

Un título que “fai referencia ao tesouro de Rande, que aparece na novela de Verne 20.000 leguas de viaxe submarina”, explica Reixa en conversa con Nós Diario. “Contan que o capitán Nemo pasou por alí á busca do tesouro do galeón para subvencionar os independentistas cretenses, dos que nunca souben, pero que debían ser boa xente”.

Un tesouro, o de Rande, que “nunca se dá atopado” e que serve agora á banda de Reixa para “representar o talento oculto, e por iso tamén o traballo está dedicado a todas as bandas que como nós militan no rock en galego”. Sobre isto, reflexiona Reixa, “cando comezamos en 1982 eramos o único grupo con dedicación profesional que usabamos o galego no noso repertorio e agora por fortuna existen máis dun cento de grupos que fan máis e mellor música da que faciamos nós”. Máis o músico tamén recalca que “inxustamente o rock en galego non está a ter a repercusión mediática e comercial da que nos tivemos a sorte de gozar”.

Organización Nautilus editouse en dixital e en vinilo e coa secretaría xeral de Normalización lingüística realizará o “Tour Babel”, unha serie de concertos nos que ademais d’Os Resentidos tocarán “outros cinco ou seis grupos que militan no galego como lingua do rock”.

Unha cuestión que para Antón Reixa é fundamental, “levamos moitos anos pelexando pola normalización e pola importancia do galego no ensino, na administración, na vida social... E o espazo do rock tamén é moi importante, dá claro testemuño de que o galego é unha lingua adaptada á modernidade e non algo arcaico".

Acompañamento plástico

"Tamén é moi importante que neste disco se acompañan nove clips coas ilustracións de Antón Romero", explica Reixa. Antón Romero ten 14 anos e Trastorno do Espectro Autista e "unha habilidade enorme para debuxar".

"Ten coa arte plástica unha relación moi curiosa, leva debuxando toda a súa vida e a súa habilidade é, dalgún modo, a súa vía de escape", explica o líder d'Os Resentidos, que engade que "o traballo foi como con calquera outro ilustrador adulto e estamos encantados de formar parte da descuberta dun talento como o seu". 

 O actor Pedro Brandariz é outro dos talentos que se suma a Organización Nautilus como protagonista doutro videoclip.

Cronoloxía do rock en galego que integra a nosa memoria colectiva

Nos 80 estouraba en Vigo a "movida", o inicio dunha época de creatividade e moita música que tivo e ten, na memoria colectiva, tres bandas de referencia dentro e fóra do país: Siniestro Total, Golpes Bajos e Os Resentidos, mais só a banda de Antón Reixa e Alberto Torrado tocaba en galego.

Sacaban en 1984 o seu primeiro disco, Vigo, capital Lisboa e dous anos máis tarde o tan coreado Fai un sol de carallo, entre as 200 mellores cancións do pop-rock español. En 1987, editábase Música doméstica e ao ano seguinte Fracaso tropical. En 1990 puñan no mercado Jei e ao ano seguinte Delikatessen, para despedírense un ano despois con Están aquí. En 2016 chegou Made in Galicia 84-94 (1994) e mais Fai un sol de carallo @ Suite

E o vindeiro 22 de maio Os Resentidos tocan no Auditorio Mar de Vigo.

Comentarios