Os Resentidos regresan ao estudio

Dúas novas cancións e novo disco a final de ano
concerto-resentidos
photo_camera Imaxe dun concerto dos Resentidos en 2016. Foto: cedida.

A lírica resentida é dificilmente confundíbel. Mesmo cando é inédita. "Hai xente que madruga para ir traballar / hai xente que non madruga para ir traballar / hai xente que madruga para non ir traballar / hai xente que non madruga para non ir traballar", canta Antón Reixa con peculiar cadencia, entre o rap e Lou Reed, en Money for free. Funk de dormitorio, soul branco anarquista, é o segundo adianto do que, contra finais de ano, será o primeiro álbum de estudio dos Resentidos desde Están aquí (1994).

"Isto víñase tramando desde 2018, cando demos tres ou catro concertos. O ano pasado, outros tantos", conta Reixa a Nós Diario, "as vibracións foron moi boas. Tocamos cancións de todas as épocas. E a banda está moi asentada". Tanto que ademais do propio Reixa, cantante e letrista, fan parte dela outros dous membros fundadores: o saxofonista Rubén Losada e o guitarrista Javier Soto. Completan a nómina resentida actual Anxo Graña (percusións, gaita), Pablo Vidal (baixo) e Kino Seoane (batería). "Nunca me atopei tan cómodo nun grupo", asegura, "e queremos demostrar que está vivo. Xa temos contratos asinados para actuacións e estamos compoñendo".

Antes do grave accidente de automóbil que, en outubro de 2016, o deixou en coma durante 18 días, Reixa xa comandara unha versión renovada dos Resentidos. No rexistro en directo Fai un sol de carallo suite (2016) incluíran catro temas novos, Grelicia, Ausencia e fracaso -coescrita con Soto-, e Anti-sistema e Warren Buffet -a medias con Alberte Torrado. Mais Money for free, canda a revisión do clásico black power A revolución non será televisada, supuxeron as primeiras incursións no estudio da formación nun cuarto de século. Ambas as dúas teñen clip, rodados por Antonio Segade e o propio Reixa.

"A revolución non é un bo sitio para os tertulianos/ a revolución non quita o mal alento / pero si, haste sentir mellor / a revolución non aparece no parte metereolóxico", afirma a súa revisión da célebre admonición de Gil Scott-Heron. "É un tema histórico, o nacemento do rap", explica Reixa, "e un himno afroamericano". A orixinal, de 1970, contiña unha longa restra de referencias á televisión estadounidense da época e un chamado á revolta negra nas rúas. A resentida, de Belén Esteban á Teletenda, do whatsapp a "garantir o caos".

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube  

 

Comentarios